<em>&quot;Eu non vendo alcohol a menores&quot;</em>

Cartel da campaña

29/12/2011

A Asociación Renacer, o Concello de Ribeira e o Concello de Noia están a poñer en marcha a primeira fase do "Proxecto Alcol" para sensibilizar á sociedade dos riscos do consumo abusivo de alcohol, especialmente en menores, e potenciala como axente preventivo nesta problemática. A través de medidas educativas, familiares e comunitarias de todos os sectores da sociedade poñeremos o noso esforzo para conseguir unha sociedade máis saudable.

A Xunta de Galicia promulgou a Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. A mesma recolle entre os seus títulos: a prevención do consumo, as limitacións da oferta, os instrumentos de intervención para garantir as actuacións e as planificacións, coordinacións e a participación social.

A citada lei indica que unha das medidas que se mostra máis eficaz é diminuír a accesibilidade dos menores ás bebidas alcohólicas. Polo que, no capítulo II (Limitacións da oferta de bebidas alcohólicas aos menores de idade) limita a oferta de bebidas alcohólicas a menores: prohibindo a o consumo, a venda e a subministración a menores e obriga ós establecementos dispensadores de alcohol a informar sobre as limitacións á venda: Artigo 12º.-Limitacións ao consumo, venda e subministración e Artigo 14º.-Información sobre as limitacións.

Para potenciar e visibilizar o cumprimento da devandita norma estes días estamos achegando os locais dispensadores de alcohol (bares,pubs, cafeterías, restaurantes, tendas de alimentación, supermercados, gasolineiras, . ....) os carteis da campaña: "Eu non vendo alcohol a menores".

Ademais informáselles das actividades específicas para este colectivo que se desenvolverán no vindeiro ano. Estas serán de carácter gratuíto e serán levadas a cabo polos/as responsables do programa e profesionais de relevancia nas diferentes temáticas:

- Reparto de material: cartelaría obrigatoria e resumo da lei.

- Análise da situación de oferta e venda de bebidas alcohólicas.

- Charlas informativas sobre a Lei Galega 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

- Seminario de venda responsable de alcohol.

Queremos agradecer a colaboración e interese no desenvolvemento da campaña ós establecentos dispensadores de alcohol e a poboación, en xeral, e quedamos á vosa enteira disposición para calquera dúbida ou consulta que queirades formularnos.

É responsabilidade de todos/as actuar para protexer á mocidade das consecuencias negativas que o consumo abusivo de alcohol leva consigo.

Asdo.: O equipo de “Proxecto Alcol”

 

PARA MÁIS INFORMACIÓN:
- Por correo: Asociación Renacer: Rúa Agustín Fdez. Oujo 15A – Ench. / 15960 – Riveira ( A Coruña)
- Por teléfono: 981 87 40 86
- Por correo electrónico: proxectoalcol@gmail.com
- Por internet: www.asociacion-renacer.org / proxectoalcol@blogspot.com