De home a home, fala do VIH. Porque o silencio non pode ser un síntoma máis

Cartel da campaña

05/07/2011

Fomentar unha maior comunicación entre os homes que teñen relacións sexuais con outros homes (HSH) para previr mellor o VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Este é un dos obxectivos principais da nova campaña "De home a home, fala do VIH" deseñada polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.

De acordo cos estudos realizados no noso país, un de cada dez homes que teñen relacións sexuais con outros homes podería estar infectado polo VIH. O material que se presentou coa campaña (vídeo que se difundirá por internet, folletos e carteis) é unha chamada de atención para que os HSH sexan conscientes de que nos últimos anos convertéronse no sector de poboación máis afectado por esta infección e para convidarlles a falar sobre esta realidade.

Podería afirmarse que todos os HSH comparten a súa vida con persoas que teñen o VIH. Poden ser os seus amigos, compañeiros de traballo ou de lecer, parellas sexuais ou, mesmo, a súa propia parella estable. Ademais, estímase que un de cada tres non sabe que ten VIH. Outros o saben pero teñen medo a ser rexeitados se o din.

Esta invisibilidade axuda a explicar por que con frecuencia os membros deste colectivo non son de todo conscientes da gravidade da situación epidemiolóxica que lles está a afectar. Por iso, na campaña convídase os homes que teñen relacións sexuais con homes a falar do VIH coas persoas da súa contorna e coas súas parellas sexuais, porque como indica a campaña o silencio non pode converterse nun síntoma máis desta situación.

Difusión en actos do Orgullo LGTB e en Internet

A divulgación desta estratexia preventiva desenvolveuse en dúas frontes: presenza en exteriores durante as manifestacións e actos do Orgullo LGTB, e difusión a través de Internet e as tecnoloxías da información e a comunicación.

Para iso, distribuiranse ás entidades LGTB 250.000 kits preventivos con folleto informativo, preservativo e lubricante, 50.000 cartóns con mensaxes específicas e 5.000 pósteres. Tanto os preservativos como os sobres de lubricante son unha colaboración que achega sen custo algún a firma Durex, unha das empresas asinantes do Manifesto de promoción do uso do preservativo, subscrito co Ministerio en 2009.

Tanto o vídeo como a versión en liña do folleto contan cunha estratexia de medios de difusión vía en liña e ambos os materiais están aloxados na páxina web do Ministerio, onde se inclúen versións en todas as linguas oficiais do Estado. Para esta promoción deseñáronse banners cuxa presenza se contratará en prensa dixital, así como nas páxinas de contactos entre homes que teñen relacións sexuais con homes. Para a difusión en redes sociais creouse un perfil en Facebook e espérase contar co apoio das entidades LGTB pa ra convidar a todos os HSH a colaborar reenviando a ligazón do vídeo ou colocándoo nos seus perfís. O orzamento total da campaña é de 274.245,89 euros.

 

A proba do VIH, unha vez ó ano

Na actualidade, a vía máis frecuente de transmisión da infección por VIH en España é a sexual. Segundo os últimos datos dispoñibles a transmisión do VIH en homes que manteñen relacións sexuais con outros homes é a máis numerosa, cun 42,5% dos casos; seguida da vía heterosexual, cun 34,5%, mentres que a que se produce entre usuarios de drogas inxectadas é dun 8,1%.

Ante esta situación, é necesario intensificar as accións dirixidas a reforzar a prevención e a favorecer a detección precoz nas persoas xa infectadas, sen esquecer a adecuada protección das mesmas fronte ao estigma e a discriminación.

Por iso, en relación co fomento de diagnóstico precoz, o Ministerio recomenda que todos os homes que teñan sexo con homes realicen a proba do VIH unha vez ao ano.