Que influencia teñen os pais no risco de consumo de drogas dos seus fillos/as?

Mozo sentado no parque

11/06/2014

Unha investigación do Instituto Europeo de Estudos en Prevención (Irefrea), xunto con outras universidades españolas (Oviedo, Santiago de Compostela e Valencia) e europeas determinou que os estilos parentais “autorizativo” e “indulxente” son os que presentan o maior nivel de protección fronte ao consumo de drogas.

O estudo analizou o papel dos pais á hora de determinar o risco do consumo de alcol, tabaco e cannabis de fillos/as seis países de Europa: Suecia, Reino Unido, España, Portugal, Eslovenia e a República Checa. O obxectivo do estudo era pescudar que tipo de relación entre pais e fillos/as protexe máis do abuso de drogas, a partir de dúas variables: o control e o afecto dos pais.

Os nosos resultados apoian a idea de que os extremos non funcionan: nin autoritarismo nin ausencia de control e afecto. O que vai ben é que exista unha boa relación cos fillos/as. Neste sentido, pode ir acompañada de control directo (o que se denomina estilo “autorizativo” ou democrático) ou non (estilo mal chamado “indulxente")”, declara Amador Calafat, primeiro autor do estudo, que publica a revista “Drug and Alcohol Dependence”.

En total entrevistáronse a 7.718 adolescentes, 3.774 homes e 3.944 mulleres, de 11 a 19 anos de idade. Para a clasificación das familias combináronse condutas que adoptan distintos graos de esixencia e responsabilidade. O modelo autorizativo engloba ás familias que “proporcionan normas claras, razoan cos fillos/as de forma afectuosa e flexible, á vez que lles esixen o seu cumprimento”.

O modelo autoritario coincide co autorizativo en que son esixentes ou controladores, pero difire en que os pais e as nais son menos afectivos no primeiro.

Doutra banda, os pais e nais do modelo neglixente e do modelo indulxente caracterízanse polo seu baixo nivel de represión; con todo, os primeiros son “pouco afectuosos” e os segundos “moi afectivos”.

Os resultados do traballo, que coinciden en toda Europa, sinalan que os modelos indulxente e autorizativo son os que mellor funcionan, tanto para o consumo de sustancias como nos trastornos persoais. “Para a autoestima e o rendemento escolar, aínda é mellor cando os pais funcionan co estilo indulgente”, continúa Calafat. “Este estudo permite que se faga un enfoque e un discurso común en Europa ante os programas de prevención de consumo de drogas”, engade o investigador.

Os resultados contrastan con estudos previos obtidos noutras contornas culturais, onde a imposición dos pais é “recomendable” (maioría anglosaxona da EE.UU.) ou “imprescindible” (culturas asiáticas).

Desde unha perspectiva global da saúde persoal os estilos parentais “autorizativo” e “indulxente” presentan o mesmo nivel de protección ante o consumo de drogas”, di Calafat. Até agora relacionábase este último exclusivamente cos países mediterráneos e do sur de América. “Pero vemos que tamén é válido para moitos países europeos”, engade o investigador de Irefrea.