Programa de información e asesoramento psicolóxico e legal
01/04/2024
As actividades do Programa de información e asesoramento psicolóxico e legal, un ano máis, poden seguir coa súa continuidade grazas á subvención concedida pola Deputación Provincial da Coruña.
Este é un programa de continuidade do desenvolvido en anos anteriores, que conta con dúas técnicas para o seu desenvolvemento, unha psicóloga e unha asesora xurídica, responsables de cada unha das áreas (psicolóxica e legal).
Na área psicolóxica lévase a cabo unha labor de información e asesoramento acerca das consecuencias derivadas do uso, consumo prexudicial ou dependencia de substancias, condutas sexuais de risco e patoloxía VIH-SIDA. Así mesmo, continuarase ofertando o servizo de detección precoz do VIH ( coa realización da proba rápida no fluído oral).
Polo que respecta a área legal realízase un asesoramento personalizado ao drogodependente con problemas legais e a súa familia, informándolle e asesorándolle sobre a súa situación legal e/ou penitenciaria. Non existe outro recurso destas características, que aborde esta problemática específica no noso ámbito de actuación (municipios de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Porto do Son).
Os obxectivos xerais das actividades do programa son proporcionar unha atención integral (psicolóxica e legal) a persoas afectadas dunha drogodependencia, e/ou VIH/SIDA, familiares e/ou entorno cercano, e optimizar a coordinación entre as distintas institucións e axen-tes implicados (Servizos sociosanitarios, administración de xustiza, corpos e forzas de seguridade do estado e todos aqueles estamentos que teñen algún tipo de intervención no campo das drogodependencias).