Próbao en feminino: campaña para a promoción do uso do preservativo feminino
29/03/2011
O Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos presentaron o 28 de marzo unha campaña conxunta para a promoción do uso do preservativo feminino na poboación. Esta iniciativa é un paso máis do Ministerio no seu compromiso coa prevención dos embarazos non desexados e a protección fronte ao VIH e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).
A campaña forma parte dunha estratexia conxunta coordinada desde a Secretaría do Plan Nacional sobre a SIDA do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade coa colaboración do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.
Os obxectivos principais da campaña son:
- Fomentar o coñecemento do preservativo feminino na poboación xeral.
- Dotar ás persoas que traballan en oficinas de farmacia dunha información básica para que presenten o preservativo feminino dunha forma positiva.
- Promover a prevención do VIH desde a rede asistencial de farmacias españolas.
Maior vulnebilidade das mulleres
As mulleres son máis vulnerables á infección por VIH debido a factores biolóxicos, socioeconómicos e culturais. No plano biolóxico teñen polo menos dúas veces máis probabilidades que os homes de contraer o VIH a través dun coito non protexido, xa que a mucosa vaxinal presenta maior fraxilidade e o seme ten maior capacidade infectiva que os fluídos vaxinais. Ademais, as mulleres padecen máis infeccións de transmisión sexual, moitas delas asintomáticas, o cal aumenta o risco de infección por VIH.
Pero os factores que poden incidir máis na vulnerabilidade das mulleres ao VIH son de carácter social, económico e cultural. A desigualdade e a inequidad nas relacións sociais, afectivas e sexuais pon ás mulleres en situación de risco. En ocasións as mulleres ven limitada a súa capacidade para exercer un control sobre a súa saúde sexual e reprodutiva, debido aos roles de xénero que se atribúen ás mulleres, que dependen do home económica, social e emocionalmente, e resúltalles difícil rexeitar unha relación sexual de risco ou negociar o uso de métodos de prevención.
Vantaxes do preservativo feminino
O preservativo feminino é un método de prevención alternativo ao preservativo masculino que, ademais de previr fronte aos embarazos non desexados e protexer do VIH e doutras ITS, pode achegar a un número considerable de mulleres un grao de autonomía maior que o preservativo masculino.
Este aumento da autonomía das mulleres podería mellorar o control que teñen da súa fertilidade e sexualidade. Consecuentemente o preservativo feminino pode axudar a eliminar desigualdades en saúde entre homes e mulleres.
Entre as vantaxes do preservativo feminino hai que destacar:
- Está feito de nitrilo, polo que é unha boa opción para quen teñen alerxia ao látex.
- É transparente, suave e resistente.
- Pode inserirse até 8 horas antes do inicio da relación sexual.
- Permite manter relacións sexuais en calquera posición sen que se produzan roturas ou deslizamentos.
- Non é necesario retiralo inmediatamente despois da exaculación.
- Pódese usar con lubricantes a base de auga ou aceite (o aceite pode danar os preservativos masculinos).
- Vén moi lubricado, polo que pode ser unha solución nos casos de falta de lubricación.
Por que recomendar o seu uso dende as farmacias?
A accesibilidade e cobertura territorial das farmacias, con profesionais da saúde á fronte, convértenas en establecementos sanitarios estratéxicos para realizar accións de educación para a saúde. Por iso é polo que as oficinas de farmacia supoñan un espazo idóneo para informar adecuadamente á poboación xeral sobre o preservativo feminino e a prevención do VIH.
Dos estudos realizados até agora despréndese que o maior problema que presenta o preservativo feminino radica en que xera unha sensación inicial de desagrado que inhibe a posibilidade de chegar a probalo. Por iso resulta especialmente importante desenvolver aquelas intervencións que animen ás potenciais usuarias e usuarios deste produto a probalo.
Na Enquisa de Saúde Sexual de 2009 os datos indican que nas relacións de parellas estables empregaron o preservativo o 61% dos homes e o 53% das mulleres e o preservativo feminino o 1,6% dos homes e 1% de mulleres. Nas relacións esporádicas, empregaron o preservativo masculino o 97% dos homes e o 96% das mulleres, sen embargo o feminino un 0.8% dos homes e un 1,7% das mulleres.
Dende o Colexio Oficial de farmacéuticos sinalan que, en 2010, distribuíronse (por venta directa a través de administracións que os compraron) 230.000 preservativos femininos.
Materiais de difusión
Para a difusión da campaña realizáronse 43.000 carteis e 216.000 folletos que se distribuíron entre as oficinas de farmacia. Os carteis exporanse nas farmacias e os folletos están destinados a que os farmacéuticos coñezan mellor o produto, dispoñan del e oférteno a todas as persoas interesadas.
No marco desta iniciativa, a empresa distribuidora do preservativo feminino no noso país colaborará e para iso ofrecerá un prezo reducido deste produto durante 6 meses. Así, a unidade que vale agora 1,5 euros, pasará a custar 1 euro, mentres que o paquete de tres unidades reducirase de 3,7 euros a 2,5 euros.
FONTE: Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.