Prevención do uso e abuso de alcohol en menores de idade

Cartel da campaña

15/11/2013

A asociación Renacer levou a cabo, o xoves 14 de novembro, unha reunión con representantes do concello, das forzas de seguridade e da asociación de hostalaría para facerlles chegar a preocupación e as reiteradas queixas que veñen recibindo por parte dos proxenitores, desde fai máis dun ano, acerca da venda de alcohol a menores por parte dalgúns establecementos hostaleiros.

Na mesma participaron a presidenta da Asociación María González Suárez, o vicepresidente Olegario Sampedro e as psicólogas da entidade María do Pilar Quintela e María Igresias; Vicente Mariño de Bricio, Juan Luis Martínez e Dores Elorduy como representantes do Concello de Riveira; José García García, Inspector Xefe da Policía Nacional, Pedro Antonio Fernández Iglesias, Xefe da Policía Local, José Carlos Matilla, Xefe da Patrulla Fiscal da Garda Civil de Riveira e David Fernández Fernández, Presidente da Asociación de Hostalaría.

Ao longo da mesma informóuselles de como, coincidindo con determinadas datas nas que é tradición celebrar ceas, algúns locais proporcionan alcohol aos menores de forma explícita ou camuflada entre outras bebidas non alcohólicas, nos seus menús. As queixas dos pais increméntanse nestes días ante a proximidade do Nadal, momento de múltiples ceas e saídas por parte da mocidade.

Trátase dun tema preocupante, sobre todo, se temos en conta que os últimos datos do estudo realizado por esta asociación, levado a cabo entre o alumnado de Riveira o pasado 2012, reflicten un importante incremento do consumo de bebidas alcohólicas en menores, con idades comprendidas entre os 14 a 18 anos. Esta situación debe facernos tomar conciencia dos riscos sanitarios e sociais que leva o consumo excesivo de alcohol, sobre todo cando se dá en menores de idade, cuxo organismo se atopa aínda en desenvolvemento, sendo ademais unha etapa evolutiva de máxima vulnerabilidade.

A través de talleres de prevención e campañas de sensibilización e información sobre as drogas en xeral, e do alcohol en particular, desde a Asociación Renacer traballamos na promoción de estilos de vida saudables e na formación da mocidade do municipio, para que desenvolvan unha actitude positiva cara á saúde e en contra do consumo destas sustancias.

Pero tal e como se informou a todos o presentes na reunión, isto non é suficiente. Previr o consumo de alcol só é posible mediante un pacto social que implique a todas as institucións e organismos públicos, aos expendedores de bebidas alcohólicas, a todos os sectores relacionados, aos pais, e á poboación en xeral. É preciso traballar na concienciación, na redución da demanda e na dispoñibilidade.

Por iso na reunión apelouse á responsabilidade de todos os axentes sociais implicados e aos responsables de todas as institucións, como garantes do cumprimento da Lei 11/2010 do 17 de decembro de prevención de consumo de alcol en menores de idade.

Entre os acordos adoptados para favorecer o cumprimento da lei e, por tanto, de reducir a venda de alcol a menores, o responsable da asociación de hostaleiros apunto que proporá, que como requisito esíxase aos establecementos que desexen incluírse no recentemente creado Centro Hostaleiro Aberto, que os locais cumpran o estipulado na lexislación sobre prevención do consumo de alcol a menores (sinalización de prohibida a venda e non levar a cabo a dispensación nestas idades).

Pola súa banda a asociación Renacer e o concello acordaron desenvolver unha campaña informativa, dirixida a toda a hostalaría mediante carteis de prohibida a venda de alcol a menores, que deberán ser colocados de forma permanente nun lugar visible, e dípticos con extractos da lei referidos a como queda regulada a venda de alcol a este colectivo e as posibles sancións nas que poden incorrer en caso do seu incumprimento.