Preto do 50% das persoas elixibles para a terapia antirretrovírica teñen acceso na actualidade a un tratamento que salve a súa vida
22/11/2011
Un novo informe do Programa conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA), publicado o 21 de novembro, demostra que o 2011 foi un ano de cambio no que á resposta á SIDA refírese grazas ao progreso da ciencia, o liderado político e uns resultados sen precedentes. Así mesmo, o informe sinala que as novas infeccións polo VIH e as mortes relacionadas coa SIDA descenderon até os niveis máis baixos desde que a epidemia alcanzase o seu máximo. As novas infeccións polo virus reducíronse un 21% desde 1997, e as enfermidades relacionadas coa SIDA diminuíron nun 21% desde o ano 2005.
“Mesmo nunha crise financeira moi complicada, os países están a ofrecer resultados no ámbito da resposta á SIDA”, declarou Michel Sidibé, director executivo de ONUSIDA. “Fomos testemuñas dun aumento xigantesco do acceso ao tratamento do VIH, que tivo un impacto significativo nas vidas de persoas de todo o planeta”.
Segundo as estimacións de ONUSIDA e a OMS, o 47% (6,6 millóns) dos 14,2 millóns de persoas que se calcula que son elixibles para o tratamento en países de ingresos baixos e medios tiveron acceso á terapia antirretrovírica en 2010. Iso supón un aumento de 1,35 millóns desde 2009. O Informe para o día mundial da SIDA de ONUSIDA subliña, así mesmo, que existen sinais evidentes que demostran que o tratamento do VIH está a ter un impacto significativo á hora de reducir o número de novas infeccións polo virus. Calcúlase que a finais de 2010:
- 34 millóns [31,6 - 35,2 millóns] de persoas vivían co VIH a nivel mundial.
- 2,7 millóns [2,4 - 2,9 millóns] de novas infeccións polo VIH producíronse en 2010.
- 1,8 millóns [1,6 -1,9 millóns] de persoas morreron por causas relacionadas coa SIDA en 2010.
O tratamento evitou 2,5 millóns de mortes desde 1995
As persoas que viven co VIH teñen agora máis anos de vida, e as mortes relacionadas coa SIDA están a reducirse grazas aos efectos da terapia antirretrovírica. A nivel mundial, calcúlase que había 34 millóns de persoas [31,6 millóns - 35,2 millóns] vivindo co virus no ano 2010, e desde 2005 as mortes relacionadas coa SIDA diminuíron dos 2,2 millóns [2,1 millóns - 2,5 millóns] até 1,8 millóns [1,6 millóns - 1,9 millóns] en 2010. Así mesmo, desde 1995 evitouse unha cifra estimada de 2,5 millóns de mortes relacionadas coa SIDA en países de ingresos baixos e medios grazas ao aumento do acceso ao tratamento do VIH.
O progreso na prevención do VIH
As novas infeccións polo virus reducíronse de forma significativa ou se estabilizaron na maioría do mundo. En África subsahariana, o número de novas infeccións polo VIH caeu en máis dun 26% desde que a epidemia alcanzase o seu máximo en 1997, seguido dun descenso dun terzo en Sudáfrica, o país coa maior cifra de novas infeccións polo virus do mundo.
Así mesmo, o cambio no comportamento sexual, en particular entre a mocidade, está a favorecer a diminución de novas infeccións polo VIH, posto que as persoas reducen o número de parellas sexuais, aumentan o uso do preservativo e atrasan a súa primeira relación sexual. A prevalencia do virus descendeu entre os mozos/as en polo menos 21 dos 24 países cunha prevalencia do VIH igual ou superior ao 1%. Outros cinco países, en concreto Burkina Faso, Congo, Ghana, Nixeria e Togo, foron testemuñas de que a prevalencia do virus caeu en máis dun 25% entre os anos 2001 e 2010 neste grupo de poboación.
Calcúlase que desde 1995 evitáronse preto de 400.000 novas infeccións polo VIH en nenos/as, grazas ao aumento do acceso a réximes antiretrovíricos eficaces en países de ingresos baixos e medios en 2010. Case a metade (48%) das mulleres embarazadas que vivían co VIH puideron acceder a réximes eficaces para previr a transmisión do virus ao neno/a.
Investimentos máis intelixentes para fornecer un paquete mellorado
ONUSIDA desenvolveu un novo marco para os investimentos destinados á SIDA que se centra en estratexias baseadas en probas, de gran impacto e de alto valor. “O marco de investimento baséase na comunidade, non no produto. O punto central do enfoque son as persoas, non o virus", declarou Sidibé.
Este novo enfoque estratéxico de investimento alcanzaría resultados extraordinarios; evitaríanse polo menos 12,2 millóns de novas infeccións polo VIH, 1,9 millóns en nenos entre os anos 2011 e 2020; así mesmo, impediríanse 7,4 millóns de mortes relacionadas coa SIDA no mesmo período de tempo.
O marco fundaméntase en seis actividades de programas esenciais:
- Intervencións delimitadas para as poboacións de maior risco (en particular os profesionais do sexo e os seus clientes, os homes que teñen relacións sexuais con homes e os usuarios de drogas inxectables).
- Prevención de novas infeccións polo VIH en nenos/as.
- Programas orientados a modificar comportamentos
- Fomento e distribución do preservativo.
- Tratamento, atención e apoio ás persoas que viven co virus.
- Circuncisión masculina voluntaria naqueles países cunha alta prevalencia do VIH e baixos índices de circuncisión.
Co fin de que o marco sexa eficaz, as actividades destes programas deben ter en conta habilitadores esenciais, como a redución do estigma, o respecto dos dereitos humanos, a creación dunha contorna xurídica protectora e o desenvolvemento das capacidades das organizacións locais. Estes son fundamentais á hora de superar as barreiras ás que os programas eficaces teñen que facer fronte.
Co fin de reducir as novas infeccións polo VIH rapidamente e, así, salvar vidas, o Informe para o día mundial da SIDA 2011 de ONUSIDA recalca a importancia da responsabilidade compartida.
FONTE: ONUSIDA