POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA "APRENDER A SER"

Aprender a ser

18/04/2021

Dende a Asociación Renacer imos poñer en marcha un programa dirixido ó último ciclo de Educación Primaria (5º e 6º). "Aprender a ser: programa de adestramento en habilidades de vida para educación primaria", ten como principal obxectivo potenciar o desenvolvemento emocional, capacitando ao alumnado con coñecementos e competencias emocionais que lles permitan afrontar a vida persoal e académica con éxito e aumentar o benestar a nivel de saúde e convivencia.

As habilidades para a vida retomando a definición da OMS son "aptitudes necesarias para ter un comportamento axeitado e positivo que permita afrontar eficazmente as exixencias e retos da vida diaria". Ditas habilidades nun primer momento orientáronse á prevención de problemas específicos de saúde pública e logo puido comprobarse que as habilidades socio-cognitivas e de control emocional son unha peza clave para o desenvolvemento humano e a promoción da saúde.

Nesta edición, as intervenciones teñen como finalidade facer unha toma de contacto co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria para implementar o programa no vindeiro curso 2021-2022; de aí que só se levará a cabo unha sesión de 100 minutos de duración durante os meses de maio e xuño do presente curso escolar.

A pesares de que as competencias necesarias son dez, nesta edición do programa traballarase sobre cinco delas: autocoñecemento, empatía, comunicación asertiva, manexo das emocións e manexo da tensión e estrés; traballando as demáis habilidades de xeito transversal.

Unha das motivacións que impulsa  a posta en marcha deste programa é adiantar as intervencións que xa se realizan  neste campo na etapa da Educación Secundaria, xa que está demostrado que o baixo nivel de competencia emocional dos rapaces e rapazas desemboca en comportamentos desadaptativos. Deste xeito, mediante o desenvolvemento das competencias emocionais, o alumnado aprende a manexar diversas estratexias emocionais, que lles permita facer fronte a situacións emocionais difíciles.

A isto engádese a situación que estamos afrontando de emerxencia sanitaria e social pola COVID-19 e as características especias deste desastre global que teñen un impacto na saúde nas persoas, debido á exposición continuada e acumulativa a estresores e eventos traumáticos, o que xera unha maior vulnerabilidade ao estrés. Sendo os/as menores, unha poboación especialmente vulnerable debido, a entre outros factores, a que o seu cerebro se atopa en fase de desenvolvemento e polo, tanto é mais susceptible ó impacto das experiencias.