POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA "APRENDENDO A CRECER"

Aprendendo a Crecer

27/10/2022

Dende a nosa entidade e coincidindo co curso escolar estase desenvolvendo, o programa “Aprendendo a crecer” co alumnado dos catro cursos da ESO e Formación Básica, dos centros educativos de Ribeira e Porto do Son. Ademais nesta edición ampliaranse os obradoiros ó alumnado dos tres institutos de Boiro como consecuencia da demanda presentada polo profesorado, a raíz de desenvolver cos mesmos  o pasado curso, obradoiros con temáticas puntuais.

A día de hoxe todos os estudos recoñecen a natureza multicausal nas adiccións, tanto de tipo persoal como social; do mesmo xeito que se atopan factores ou circunstancias que parece ser  minimizan a influenza dos demais e funcionan como factores de protección. Entre estes elementos protectores entre a poboación adolescente hai algunhas competencias persoais básicas coma o autocontrol emocional, a habilidade para tomar decisións e resolver problemas e a competencia social. Por este motivo consideramos que o modelo máis adecuado na  prevención das adiccións, con e sen substancia, é o da educación nas  habilidades para a vida.

Nesta liña, a través dos talleres darase continuidade ós contidos traballados nos cursos anteriores, proporcionando un importante peso  e espazo ás intervencións centradas na xestión emocional e no adestramento de habilidades sociais.

Os talleres desenvolveranse por niveis e aulas, e están estruturados en tres sesións de 100 minutos cada unha. A metodoloxía que utilizaremos é a da educación para a saúde, que se basea no desenvolvemento de competencias afondando nos tres factores individuais do comportamento: coñecementos, actitudes e habilidades, tendo en conta as características propias da transición vital que os rapaces e rapazas están vivindo. Fomentarase a participación, a interacción e a integración social; traballando sobre a capacidade crítica, a investigación de solucións, e incentivando ó alumnado a facer eleccións correctas en relación a súa saúde a partir da adquisición de coñecementos, actitudes e habilidades co fin de previr posibles adiccións.

En tódolos grupos, na primeira sesión traballarase o autoconcepto e o desenvolvemento dun axeitado control emocional (autoestima, expresión das emociones, manexo da ira, imaxe persoal entre outros); na segunda, habilidades de interacción social e solución de problemas (comunicación, empatía, asertividade, presión grupal ), e na terceira  abordaranse contidos específicos según os cursos. En 1º da ESO os relacionados co manexo das TICs, as novas formas de relacións sociais, xestión do ocio a través das redes sociais e o xogo on line; en 2º e 4º da ESO consecuencias do consumo de substancias legais e ilegais, as adiccións sen substancia e os efectos e riscos das bebidas enerxéticas e, en 3º da ESO, sexualidade, prevención de ETS e VIH-SIDA. 

O programa desenvolverase en tres fases:

-      Contacto: presentación do programa, a todos os centros educativos de Educación Secundaria dos concellos de Ribeira, Porto do Son e Boiro, e planificación dun cronograma con cada un deles para a súa implementación.

-      Desenvolvemento: posta en marcha do obradoiros nos centros de ensino. Faranse tres sesións con cada grupo-aula  de 100 minutos de duración cada unha.

-      Avaliación: análise e presentación de resultados