Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), 2015-2018

Portada do Plan Galego Anti VIH-sida e outras ITS

20/07/2015

A Consellería de Sanidade ten previsto aumentar a realización da proba do VIH dende os centros de atención primaria e potenciar novas ferramentas como as probas rápidas de VIH en fluído oral en persoas con dificultades de acceso ao sistema sanitario, tal e como se recolle no Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), 2015-2018, que  presentou o pasado 16 de xullo a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

A titular da carteira sanitaria, quen destacou que o plan incorpora outras infeccións de transmisión sexual, como é o caso da sífile ou a gonococia, dixo que o seu departamento seguirá facendo esforzos na difusión dunha información de calidade a toda a poboación, con especial énfase nos máis novos. Neste senso, o emprego das tecnoloxías da información e a comunicación, sobre todo das redes sociais, permitirán mellorar o alcance e a eficiencia das campañas divulgativas.

No ámbito da atención sanitaria e social, Rocío Mosquera remarcou o importante esforzo realizado para garantir esta asistencia nestes anos de crise, impulsando, ademais, o Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública, que permitiu facilitar a atención sanitaria. Consolidar os importantes logros acadados en prevención e tratamento e sinalar novos retos nestes campos, así como manter activa a loita contra o estigma e a discriminación, serán piares fundamentais no desenvolvemento do Plan presentado.

A conselleira agradeceu o traballo de todos os profesionais, persoas e colectivos implicados na loita contra esta enfermidade, sen cuxa axuda tería sido imposible conseguir os avances acadados.

Situación actual

Na actualidade, na nosa Comunidade, a situación da infección polo VIH é a de estabilización, con ao redor de 200 casos anuais, e continúa por baixo dos valores medios do Estado.

Grazas ao tratamento antirretroviral prodúcese un aumento na expectativa de vida destas persoas, o que leva ao conseguinte incremento no número global de persoas infectadas -estímase que 150.000 en España das que 7.000-8.000 son en Galicia-, pero, tamén, se produce una diminución da sensación de risco, sobre todo entre a mocidade, o que fai que non se poida baixar a garda.

Na actualidade, a transmisión por vía sexual en homes que teñen sexo con homes representa a maior porcentaxe de novos casos da infección. Se o diferenciamos por sexos, un 47% infectáronse pola vía de relacións homosexuais, fronte a un 29% de casos nos que a infección se adquire por relacións heterosexuais, e un 19% nos casos nos que a vía de transmisión é compartir materiais para inxectarse drogas. No que atinxe ás mulleres, as prácticas de risco máis importantes son a transmisión heterosexual nun 76% e nun 17% por compartir materiais para inxectarse drogas.

Sinalar que para mellorar o diagnóstico precoz, a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2011 as probas rápidas de detección do VIH baixo tres premisas: son accesibles, anónimas e gratuítas. Entre xuño de 2011 e decembro de 2014 fixéronse a proba 2.695 persoas, das que 39 casos resultaron positivos.

Cinco grandes eixos

As principais liñas estratéxicas do Plan foron presentadas pola directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Sonia Martínez Arca. Á vista dos resultados do anterior Plan e da actual situación das infeccións de transmisión sexual na nosa comunidade, a prevención deste novo plan artéllase en cinco grandes eixos: prevención primaria; diagnóstico precoz; garantir a asistencia sanitaria e o tratamento das persoas con infección polo VIH e outras ITS; reducir o estigma e a discriminación das persoas infectadas polo VIH; e, ademais, promover o acceso aos servizos e prestacións sociais.

Entre os obxectivos que recolle o documento están: previr e controlar a extensión da infección polo VIH/Sida e outras ITS; garantir a universalidade da atención sanitaria para as persoas con estas patoloxías; eliminar o estigma e discriminación das persoas afectadas; minimizar o impacto da infección; e mellorar a esperanza e calidade de vida destas persoas.

Como obxectivos específicos, o Plan contempla diminuír a incidencia anual de novos diagnósticos de VIH por baixo de 50 casos por millón de habitantes; e no caso da sífilis o obxectivo é que a incidencia non supere os cinco casos por 100.000 habitantes e eliminar a conxénita de tal xeito que non se dea ningún caso en fillos de mulleres que leven residindo en Galicia, como mínimo, dende os nove meses anteriores ao parto. Doutra banda, tratarase de manter a incidencia anual da gonococia por baixo dos sete casos por 100.000 habitantes.

Fonte: Xunta de Galicia