A primeira pílula anticonceptiva dos "cinco días despois": "EllaOne"
15/01/2010
A compañía farmacéutica HRA Pharma comezou no mes de decembro do pasado ano a comercializar en España a pílula de acetato de ulipristal “EllaOne”, un novo método anticonceptivo de urxencia non hormonal eficaz até cinco días (120 horas) despois de manter relacións sexuais sen protección ou se se prodiciu un fallo no método anticonceptivo empregado.
A nova pílula, aprobada pola Axencia Europea do Medicamento en maio de 2009 e dispoñible en España baixo prescrición médica, basea a súa eficacia na modulación selectiva dos receptores da proxesterona, que atrasa ou inhibe a ovulación reducindo o risco dun embarazo non desexado sen producir un aborto farmacolóxico.
En comparación ca “pílula do día despois” baseada na acción do levonorxestrel, comercializado en España como “Postinor” (Schering) e “Norlevo” (Chiesi), “EllaOne” reduce até nun 60% o risco de embarazo en fases avanzadas da ovulación, fronte ó 12% de eficacia do levonorxestrel, segundo explicou o presidente da Fundación Española de Contracepción, o doutor Ezequiel Pérez.
Os estudos levados a cabo por HRA Pharma entre máis de 1.900 mulleres, nas primeiras 72 horas, “EllaOne” presentou unha taxa de embarazos do 0,9% (fronte ao 1,7% de levonorgestrel), un 0% entre as 72 e as 90 horas (fronte a 2,7%), e outro 0% entre as 90 e as 120 horas despois de manter a relación de risco (3% coa “pílula do día despois”). “Isto significa que “EllaOne” é tres veces máis eficaz que levonorxestrel nas primeiras 24 horas e o dobre se ee emprega nas primeiras 72 horas, ademais de sumar dous días máis de marxe nos que mantén e mesmo mellora a súa eficacia", dixo o doutor Pérez.
En canto ós efectos secundarios, a “pílula dos cinco días despois” demostrou unha serie de reaccións "comparables" cas producidas polo levonorxestrel, todas elas de carácter leve, como dor de cabeza, dismenorrea, náuseas, dor abdominal ou fatiga.
“EllaOne” preséntase en España como un único comprimido de 30 miligramos (cun prezo de 32,78 euros) que se pode tomar con ou sen comida e que admite a súa administración en calquera momento do ciclo menstrual. En comparación ca "pílula do día despois", esta debe tomarse baixo prescrición médica.
UNHA “SEGUNDA OPORTUNIDADE”:
Este novo anticonceptivo de urxencia “supón un importante avance no campo da saúde reprodutiva, xa que as mulleres dispoñen agora dunha segunda oportunidade anticonceptiva máis eficaz durante máis tempo, xa que esa alta eficacia mantense durante o cinco días posteriores á relación non protexida”, precisamente “o número de días que o esperma é capaz de sobrevivir no tracto xenital feminino, mantendo a súa capacidade para fecundar un óvulo”, explicou o doutor Pérez.
Neste senso, “EllaOne” “pode ser un novo e magnífico instrumento para reducir o crecente número de abortos inducidos en España, que se situou en máis de 115.000 no ano 2008”, apuntou este experto. De feito, “en teoría” este novo fármaco podería reducir até un 40 por cento das interrupcións voluntarias do embarazo, asegurou.
O produto “chega nun momento de cambio para este país no que a sociedade está a empezar a familiarizarse ca educación sexual e os métodos anticonceptivos”, agregou a presidenta da Federación de Planificación Familiar Estatal, a doutora Isabel Serrano.
FONTE: EUROPA PRESS