Aumentan de forma preocupante en España as enfermidades de transmisión sexual

Pernas de dous mozos

20/02/2012

A mocidade española perdeulle o medo ao VIH e este é un dos motivos polos están xogando, tamén, con outras enfermidades de transmisión sexual (ETS) cada vez que manteñen relacións sexuais sen protección. Un motivo para a reflexión precisamente cando se celebrou o 14 de febreiro o Día Europeo da Saúde Sexual.

A mellor proba diso vén da man das estatísticas: en só seis anos os casos de sífilis duplicáronse no noso país. E non só, a infección polo virus herpes aumentou un 68% en dous anos mentres que en neste mesmo período de tempo as clamidias creceron un 13% entre as mulleres, segundo datos recolleitos polo Instituto de Saúde Carlos III.

Un triste panorama que aínda pode ser máis arduo se se valora que aínda que a sífilis e a gonorrea son de declaración obrigatoria no noso país, moitos casos non se notifican. Os expertos/as adiantan que se espera que en 2013 a clamidia tamén sexa de notificación obrigatoria.

A situación española non é excepcional. Segundo a Organización Mundial da Saúde, cada ano diagnostícanse 448 millóns de casos de sífilis, gonorrea, clamidias e tricomonas (as ETS máis frecuentes) en todo o mundo.

Rafael Cantón, vogal da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbiología Clínica alertou durante a celebración do Seminario: Enfermidades de Transmisión Sexual, celebrado no Centro Sandoval de Madrid, do aumento de casos de ETS “en homes que teñen relacións sexuais con homes, especialmente entre os máis novos”.

As ETS son infeccións producidas por microorganismos (bacterias, virus, protozoos ou ectoparásitos) que se transmiten preferentemente por vía sexual. O problema é que con frecuencia son asintomáticas e, de non diagnosticarse e tratarse, poden causar danos graves a longo prazo: infertilidade, cegueira, danos a órganos ou cancro, entre outros.

Máis problemático aínda é o feito de que as ETS non adoitan “chegar”' dunha e unha e que as persoas afectadas teñen máis risco de padecer VIH. Así, por exemplo, e segundo datos do Centro Sandoval, o 23% das persoas ás que se lles diagnosticou gonorrea tiña tamén o VIH e o mesmo sucedeu co 21% dos afectados/as por clamidia.

“Os tratamentos do VIH converteron a SIDA nunha enfermidade crónica. Un feito que está detrás dunha menor percepción de risco, polo que se está abandonando o uso de preservativo”, recoñece Jorge del Romero, director do Centro Sandoval.

Centro sentinela

Este especialista, cuxo centro pode considerarse o sentinela das ETS, recoñece que se suma a este feito, as "consecuencias directas sobre o uso do preservativo cando hai consumo de alcol e drogas recreativas. Hai varios estudos que estableceron a relación entre prácticas de risco sexuais e uso de sustancias”.

O seu centro, inaugurado en 1928, no que se atenden entre 28.000 e 30.000 consultas ao ano é o espello no que pode reflectirse toda España. “Os datos que manexamos son similares aos que están a ter outros centros de referencia de ETS”, declara Romero.

Así mentres que en 2005 diagnosticaron 226 casos de sifilis en 2011 foron 538. Os casos de clamidia tamén aumentaron de forma preocupante neste período: de 205 a 546 e os de gonococia de 131 a 336.

Tamén en Sandoval, xunto ao Hospital Ramón e Cajal de Madrid, reapareceu o linfogranuloma venérea , causado por un tipo especial de clamidia (os xenotipos L).

"En 2008 catro países declararon casos de linfogranuloma venérea: Reino Unido, Holanda, Dinamarca e Bélxica, un total de 352, todos en ho mes. No noso centro detectamos 94 casos desde 2009: 10 en 2009, 30 en 2010 e 54 en 2011, aos que se suman outra 15 detectados no Ramón e Cajal. En 2011, tamén se detectaron 11 casos en Barcelona", insiste Jorge del Romero.

Afecta principalmente a homosexuais, un 74% é VIH positivo, a maioría de nacionalidade española (55%) e cunha media de idade de 34 anos.

En homes novos

De feito, é este colectivo no que máis están a aumentar as ETS: “en 2010, o 89% dos diagnósticos de VIH, o 83% das gonorreas, o 91% das sífilis e o 55% das clamidias diagnosticáronse en homes que tiveran sexo con outros homes”, expón o director de Sandoval.

Ante esta situación os expertos/as defenden a necesidade de facer un esforzo “na notificación de casos, tal e como sucede coa gripe, para saber realmente cal é a incidencia de cada dunha das ETS”, declara Rafael Cantón.

Pero, sobre todo, é necesario facer un esforzo “na prevención, na detección precoz e no tratamento destas patoloxías, co fin de evitar a súa propagación”, propón Jorge del Romero. Insiste, tamén, na necesidade de potenciar desde a familia e a escola a educación sexual “para potenciar o exercicio dunha sexualidade responsable”.

FONTE: El Mundo Salud