Os mozos/as que non usan as redes sociais: "raros/as" ou "independentes"

Portada do informe

10/04/2014

A rápida implantación das novas tecnoloxías na vida das novas xeracións fixo que os mozos/as que non usan ou non frecuentan as redes sociais sintan que están en risco claro de exclusión e marxinación por parte do seu grupo de iguais. A maioría percibe que ou todo pasa nas redes sociais, ou as cousas que pasan fóra xestiónanse e prepáranse nelas, polo que quen non participa desta dinámica relacional é considerado "raro/a" ou "independente".

Esta é unha das variadas conclusións extraídas da última investigación realizada polo Centro Raíña Sofía sobre Adolescencia e Xuventude, denominado "Mozos e Comunicación: A pegada do virtual" e que foi presentado polo director xeral e o director técnico da Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), Ignacio Calderón e Eusebio Megías, respectivamente.

Esta investigación analiza o xeito en que as novas tecnoloxías, especialmente as redes sociais, inflúen na comunicación e na socialización entre a poboación nova de 16 a 26 anos. Está elaborado fundamentalmente a través de diversos grupos de discusión e a análise de fontes estatísticas que recollen datos sobre hábitos e expectativas dos mozos en España e en Europa en relación ás TICs.

Segundo desvela o informe, a pesar da fantasía dos "nativos/as dixitais", que presupón que mozos/as e adolescentes traen incorporadas as actitudes e coñecementos necesarios para manexarse sen problemas en ámbitos dixitais, estar en redes sociais esixe dos/as adolescentes e mozos/as un grande esforzo de aprendizaxe continua, unha constante alfabetización dixital, pola necesidade de compatibilizar o seu “eu” real (offline) co seu “eu” virtual (online). De feito, non estar "á última" ou non saber xestionar ben ambas as dúas presenzas (real e virtual) supón quedar "out".

Outro dato importante é que as novas xeracións tampouco consideran ambas as dúas realidades -o seu “eu” online e offline- como substitutivos. Os mozos/as non se relacionan menos por pasar máis tempo nas redes sociais, senón que se relacionan doutro xeito. De feito, coas redes sociais as súas relacións fanse máis complexas e numerosas, o que en certa medida supón tamén un dobre risco.

Relacións e illamento

Por unha parte, condicionar hábitos e rutinas en torno ás redes sociais pode illar do ámbito máis próximo (familia fundamentalmente). E, por outra, o ruído comunicacional (charlas simultáneas, chats grupais, conversacións abertas, etc.) xera en ocasións relacións de baixa intensidade, superfluas, volubles, despersonalizadas.

O estudo precisa que coas redes sociais, as relacións fanse máis complexas e os mozos/as deben encontrar o equilibrio entre estar sempre presente (consideran fundamental estar sempre localizables, sempre dispoñibles por "se acontece algo"), e que esa exposición non traspase os límites desexables de uso normalizado.

Malia todo iso, o discurso maioritario de adolescentes e mozos/as é positivo: gozan das vantaxes e as comodidades que lles ofrecen as redes sociais e pagan con aparente gusto o que interpretan como contrapartidas menores. En definitiva, aceptan as vantaxes das redes sociais (eliminan a vergoña ou a timidez, democratizan o galanteo, posibilitan manter maior numero de relacións mesmo con persoas moi afastadas fisicamente) e tamén os posibles inconvenientes (perda de parte da intimidade).

Finalmente, eles mesmos/as confesan que sen as TICs sentiríanse illados/as, incomunicados/as, incompletos/as e que non saberían como encher rutinas, como integrarse ou como socializar. Aceptan que as redes poden facer que un/ha se sinta "máis dependente"; pero é unha dependencia que non lles preocupa excesivamente porque a consideran propia do tempo no que viven.

Fonte: Centro Raíña Sofía sobre Adolescencia e Xuventude