Os expertos/as din que a pílula non aumentará as condutas de risco
28/10/2009
O anticonceptivo hormonal pode adquirirse sen receita médica nas farmacias españolas desde o 28 de setembro.
A pílula do día despois pode adquirirse sen receita médica nas farmacias españolas desde o luns 28 de setembro, unha vez finalizados os traballos para o cambio de status deste medicamento. A medida, anunciada en maio por Sanidade, pretende facilitar a accesibilidade ao medicamento e contribuír así á redución de embarazos non desexados en mozas e adolescentes.
En España producíronse no 2007 máis de 10.600 embarazos en mozas menores de 18 anos e, das 112.138 interrupcións voluntarias do embarazo realizadas ese ano, 6.273 producíronse en menores de 18 anos (500 en menores de 15).
O obxectivo é facilitar o acceso á pílula sen necesidade de prescrición médica a todas as mulleres que a necesiten, independentemente do seu lugar de residencia e no prazo necesario para garantir a súa eficacia (até 72 horas despois dunha relación sexual).
Os expertos/as en contracepción agrupados na Fundación Española de Contracepción (FEC) e a Sociedade Española de Contracepción (SEC) afirmaron que a libre disposición da pílula non aumentará as condutas de risco nos mozos/as. É dicir, non reducirá o uso do preservativo ó ter a opción de tomar este medicamento.
A presidenta da SEC, Esther de la Viuda, explicou a súa posición favorable á libre disposición da pílula poscoital, «que está baseada na evidencia científica de que o máis fácil acceso non aumenta as condutas de risco, aínda que tampouco sexa a panacea da redución do número de abortos, xa que esta medida debe acompañarse doutras, como a educación». Pola súa banda, o presidente da FEC, Ezequiel Pérez, insistiu en que a medida permitirá acabar coas desigualdades entre comunidades autónomas no acceso a este medicamento e lembrou que os farmacéuticos/as son profesionais que poderán facer unha valoración das persoas que o demandan.
Con esta iniciativa, argumenta Sanidade, España equipárase á maioría dos países da súa contorna onde esta medida se revelou eficaz. Entre eles figuran Francia, Gran Bretaña, Holanda, Bélxica, Grecia, Portugal, Suecia e Suíza, entre outros, xa que este método de anticoncepción hormonal é de libre dispensación en 15 países europeos. A pílula poscoital comercialízase desde o 2001 en España baixo as marcas Norlevo (fabricado por Chiesi-España) e Postinor (de Bayer-Schering-Parma). O prezo do produto rolda os 20 euros.
Os farmacéuticos ofrecerán ás usuarias información complementaria sobre a boa utilización do preparado poscoital a partir do material que lles facilitou Sanidade. Estes materiais inclúen recomendacións sobre o uso da pílula, modo de actuación do medicamento ou posibles efectos secundarios, entre outros detalles. Tamén versarán sobre os métodos anticonceptivos de uso regular, con información sobre métodos de barreira (condón, preservativo feminino, diafragma...), hormonais (pílula combinada, anel vaxinal, anticonceptivo hormonal inxectable...), ou outros (diu, bloqueo de trompas e vasectomía...), á vez que se prestará así mesmo información sobre a prevención de infeccións de transmisión sexual.
Fonte: La voz de Galicia