O tratamento antirretroviral aumenta a esperanza de vida en 10 anos nos países occidentais
19/05/2017
Grazas ao tratamento antirretroviral, a esperanza de vida dos mozos/as europeos/as e norteamericanos/as co VIH aumentou en 10 anos. Este aumento débese en gran medida ás melloras nos fármacos antirretrovirais, os programas de prevención e diagnóstico precoz, as melloras no manexo do VIH resistente, a redución das interaccións medicamentosas e o mellor manexo das infeccións oportunistas e as comorbilidades. Todo iso conseguiu unha redución progresiva da mortalidade, en especial daqueles que empezaron o tratamento entre 2008 e 2010, segundo puideron observar os autores deste estudo publicado en The Lancet HIV a semana pasada.
Os/as investigadores/as do estudo de Colaboración de Cohortes sobre Terapia Antirretroviral chegaron a esta conclusión despois de examinar as taxas de supervivencia aos 3 anos e de analizar a esperanza de vida en persoas co VIH que empezaron o tratamento con, polo menos, tres fármacos entre 1996 e 2013. Os datos proveñen de 18 cohortes europeas e norteamericanas.
No estudo incluíronse os datos de 88.504 persoas co VIH, das cales 2.106 (2%) morreron no primeiro ano de tratamento e 2.302 (3%) morreron no segundo ou terceiro ano de tratamento. Despois de axustar o modelo estatístico por idade, xénero, grupo de risco, reconto de CD4, SIDA, e carga viral, os/as investigadores/as puideron concluír que aquelas persoas que empezaran o tratamento entre 2008 e 2010 tiñan un menor risco de morte no primeiro ano de tratamento que aquelas persoas que o empezaban entre 2000 e 2003.
A mortalidade no segundo e terceiro ano despois de iniciar o tratamento tamén foi menor nesas persoas. Segundo os autores, isto deberíase a que cos novos fármacos conséguese unha menor carga viral e un maior reconto de CD4 máis rapidamente durante o primeiro ano de tratamento.
Durante ese primeiro ano, o sistema inmunitario se reestablece e o reconto de CD4 aumenta. Entre 1996 e 1999, este reconto chegaba a unhas 370 células/mm3, mentres que entre 2008 e 2010 chegou a 430 células/mm3. Por outra banda, a proporción de persoas que chegaba a ter unha carga viral indetectable pasou do 71% ao 93%, respectivamente.
Entre 1996 e 2010 a esperanza de vida en persoas co VIH de 20 anos aumentou en 9 anos no caso das mulleres e en 10 anos no caso dos homes. Os/as autores/as calcularon que a idade de morte esperada dun paciente de 20 anos, tendo un reconto superior a 350 células/mm3 no primeiro ano de tratamento, era de 78 anos, un resultado menor ao doutros estudos previos.
As mortes debidas a causas distintas á SIDA ao cabo de 3 anos de tratamento reducíronse nos/as pacientes que empezaron a terapia entre 2008 e 2010 comparado coa cohorte que empezou en 2000-2003. A pesar de todo iso, non todas as persoas teñen os mesmos beneficios da terapia antirretroviral na esperanza de vida, por exemplo, aquelas persoas que se inxectan drogas non ven reducida as súas taxas de mortalidade. Así mesmo, aínda que as taxas de supervivencia aumentaron moito, as persoas co VIH seguen tendo unha esperanza de vida menor á da poboación xeral.
Os/as investigadores/as consideran que é pouco probable que no futuro aparezan fármacos con maior efectividade e menor toxicidade que os que hai agora e que, por tanto, a esperanza de vida se ten que aumentar será debido aos cambios no estilo de vida. Consideran que hai que traballar en previr os estilos de vida que poden afectar á adherencia ao tratamento e á mortalidade non debida á SIDA e, tamén, mellorar o diagnóstico e tratamento das comorbilidades en persoas con VIH.
Na mesma liña apunta tamén outro estudo realizado na Universidade de Harvard, que indica que segue habendo unha diferenza na esperanza de vida das persoas co VIH respecto das persoas sen o VIH e que, non todos os pacientes ven reducida a súa mortalidade. Apuntan que aquelas persoas que non son de etnia caucásica, que teñen un historial de inxección de drogas ou que empezan o tratamento cun reconto de CD4 baixo, non teñen unha mellora na súa esperanza de vida grazas ao tratamento.
Con todo, consideran que os resultados obtidos polo estudo internacional non son aplicables a países en desenvolvemento onde o acceso ao tratamento é máis limitado e onde as persoas con VIH padecen un maior rexeitamento. Nestes países hai máis barreiras para a detección, o tratamento precoz e o manexo clínico a longo prazo da infección, o que dificulta a aplicación dun enfoque baseado en diagnosticar e tratar.
Os/as autores/as cren que é importante facer chegar a mensaxe sobre os beneficios do tratamento aos países en desenvolvemento, xa que, o estigma, a maior dificultade para acceder ao tratamento e o medo para os efectos secundarios dos fármacos antigos fan que as taxas de inicio do tratamento sexan menores. Consideran que a esperanza de vida só aumentará se se consegue reducir o número de diagnósticos tardíos.
Fonte: Grupo de Traballo de Tratamento de VIH