O test de saliva, eficaz para detectar o <abbr title="Virus de Inmunodeficiencia Humana">VIH</abbr>
01/03/2012
Un test de saliva en lugar da análise de sangue para detectar o virus da SIDA. Segundo un metaanálisis publicado esta semana na revista “The Lancet Infectious Diseases”, esta ferramenta ten unha precisión moi similar á proba tradicional, baseada no estudo dunha mostra de sangue.
“Aínda que estudos anteriores demostraron que este test (OraQuick HIV 1/2) é prometedor, o noso é o primeiro que avalía o seu potencial global”, afirma Nikita Pant Pai, principal autora da investigación e científico médico da McGill University Health Centre, en Canadá. Trátase dun traballo que compara análise de todo o mundo que valoran a sensibilidade do test oral. Así é como Pant Pai e o seu equipo concluíron que esta proba ten unha precisión do 99% en poboacións de alto risco e do 97% en poboación de baixo risco.
Esta proba conta co visto e prace tanto da axencia estadounidense do medicamento como da europea. De feito, “en España está a utilizarse para facer cribados en grandes poboacións, en narcosalas... É moi útil para facer diagnóstico rápido a moitas persoas e a baixo custo”, sinala Juan Carlos López Bernaldo de Quirós, especialista da unidade de Enfermidades Infecciosas do Hospital Gregorio Marañón de Madrid. “Non existe risco para a persoa que realiza o test e, dado que hai moita xente contraria ás picadas, tamén reduce o número de rexeitamentos por esta cuestión”.
A proba, como recalcan os autores do metaanálisis, non é invasiva nin doe. Consiste en fregar cunha pequena paleta as envixas para obter unha mostra de fluído oral e mergullalo despois nunha solución. Nunha media de 20 minutos, o resultado estará listo.
Dado que calquera podería realizar esta proba, exposta como auto-test, “é unha opción confidencial que podería acabar coa estigmatización asociada ás probas para detectar o VIH”, puntualiza Pant Pai. Até agora, “conseguir que a xente se someta ao cribado nas clínicas foi difícil pola visibilidade, o estigma e a discriminación”.
As vantaxes son especialmente significativas en países subdesenvolvidos con alta prevalencia desta infección, como África Subsahariana. “Ademais de facilitar o tratamento rápido dos afectados/as, non require a intervención de persoal sanitario, nin xiringa nin agulla, resulta máis barato”.
En calquera caso, e de momento, “os tests rápidos con resultado positivo deben ser confirmados coa análise tradicional de sangue: ELISA (son as siglas do nome en inglés "Enzyme Linked Immunoabsorbent Assay" -Ensaio inmunoenzimático ligado a enzimas-), que tarda entre tres e catro días", matiza o doutor López Bernaldo de Quirós.
FONTE: El Mundo Salud