O tabaco asóciase ao cancro de vexiga máis do que se pensaba
18/08/2011
O risco é 2,2 veces superior entre os ex-fumadores/as e 4 veces maior entre os fumadores/as activos, en comparación cos individuos que nunca fumaron.
Unha análise de datos de preto de 500.000 individuos indica que o risco de desenvolver cancro de vexiga entre os fumadores/as é maior que o reportado en estudos anteriores, e que o risco para as mulleres fumadoras é comparable co dos homes, segundo un artigo publicado en JAMA (Journal of the American Medical Association).
Máis de 350.000 persoas son diagnosticadas con cancro de vexiga ao ano no mundo, incluíndo máis de 70.000 casos ao ano en Estados Unidos. O consumo de tabaco é o maior factor de risco do cancro de vexiga en homes e mulleres; existen estudos previos que indican que fumar cigarros triplica o risco de desenvolver cancro de vexiga con respecto a non fumar nunca. “Con todo, a composición dos cigarros cambiou durante os últimos 50 anos, dando lugar non só a unha redución no alcatrán e a concentración de nicotina no fume , senón tamén a un aparente aumento da concentración de carcinóxenos específicos, como a beta-naftilamina, un carcinóxeno coñecido da vexiga “, afirman os autores/as da investigación.
O Dr. Neal D. Freedman, do National Cancer Institute, Department of Health and Human Services, en Rockville, Maryland (Estados Unidos), e os seus colaboradores, realizaron un estudo para examinar a asociación entre o tabaquismo e o cancro de vexiga a partir de datos de homes (281.394) e mulleres (186.134) do National Institutes of Health-AARP Diet and Health Study, que completaron un cuestionario sobre estilo de vida e cuxa evolución foi seguida entre outubro de 1995 e decembro de 2006.
Durante o seguimento, 3.896 homes e 627 mulleres foron diagnosticados de cancro de vexiga. O tabaquismo foi un factor de risco significativo en ambos os sexos. En relación cos non fumadores/as, tanto os ex-fumadores/as como os fumadores/as posúen un maior risco de sufrir cancro de vexiga. A análise indicou que os ex-fumadores/as son 2,2 veces máis susceptibles de desenvolver cancro de vexiga en comparación cos non fumadores/as. Para os fumadores/as o risco foi, aproximadamente, catro veces maior. “En contraste, a estimación do risco do tabaquismo en estudos previos, iniciados entre 1963 e 1987, foi de 2,94 veces superior”, comentan os autores.
Suxiren que os factores que poden reforzar a relación entre tabaquismo e cancro de vexiga inclúen cambios nos compoñentes do fume do cigarro (como o aumento das concentracións de beta-naftilamina) e unha maior concienciación do risco de desenvolver este tipo de cancro entre os fumadores/as.
“Estes resultados apoian a hipótese de que o risco de cancro de vexiga asociado ao tabaquismo aumentou co tempo nos Estados Unidos, tal vez como reflexo da cambiante composición dos cigarros. Os esforzos de prevención deben seguir centrándose na redución da prevalencia do hábito de fumar”.
FONTE: As Drogas Info