O ministerio dará prioridade ao financiamento de proxectos destinados a diminuír o consumo de alcol por parte de menores
15/06/2011
A ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, anunciou que o seu departamento dará prioridade a aqueles proxectos destinados a reducir o alcol e menores e a inclusión social á hora de conceder subvencións procedentes dos orzamentos do Plan Nacional de Drogas e do Fondo de Bens Comisados.
Será unha medida inicial e complementaria á campaña sobre o consumo de alcol nos/as menores e adolescentes cuxos primeiros contidos se farán públicos despois do verán. O obxectivo desta campaña é potenciar o debate social e o exercicio da propia responsabilidade. Así o anunciou durante a súa comparecencia ante a Comisión Mixta Congreso-Senado para o Estudo do Problema das Drogas.
A campaña, que responde o encargo que recibiu a actual Delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Nuria Espí, e a unha Proposición Non de Lei aprobada pola Comisión Mixta, incluirá aspectos como a sensibilización na hostalaría, as empresas produtoras de bebidas alcohólicas, asociacións de nais e pais de alumnos/as, así como outros sobre os riscos do consumo desde unha perspectiva de autocontrol e responsabilidade.
O obxectivo principal é alcanzar un consenso xeral con todos os sectores e colectivos implicados, argumentou a ministra.
Neste sentido, destacou que o Ministerio subscribirá un Convenio coa Federación Española de Hostalaría e Restauración co fin de potenciar actuacións contra o consumo nos/as menores de idade e para potenciar o consumo responsable. Este convenio sumarase aos xa subscritos sobre esta materia con CONCAPA e CEAPA.
Pajín manifestou así mesmo o seu interese en que o Foro “A sociedade ante as drogas” sirva para canalizar o debate da sociedade civil e as súas achegas poidan empregarse como unha valiosa ferramenta para a posta en marcha de políticas preventivas das administracións públicas.
Sanidade quere que a cervexa se sinalice como bebida para maiores de idade
Do mesmo xeito que mostran na actualidade os paquetes de tabaco os riscos de fumar para a saúde, o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, presentou no Senado unha iniciativa para que nas etiquetas das botellas e latas de cervexa figure que o seu consumo non está recomendado para menores de 18 anos. Na actualidade, só algunhas marcas de cervexa incorporan a etiquetaxe "+18".
Coa campaña, que se lanzará probablemente en setembro, non se pretende "facer un anuncio publicitario máis", segundo aclarou a ministra de Sanidade, Leire Pajín, senón conseguir "unha verdadeira campaña de sensibilización que implique tanto aos mozos/as como á hostalaría e aos produtores/as de bebidas alcohólicas".
Tal e como lembrou Pajín na Comisión Mixta Congreso-Senado para o Estudo do Problema das Drogas, trátase dunha proposta importante, pois os mozos/as convértense en consumidores/as de bebidas alcohólicas cada vez a idades máis baixas. Datos que poderían atopar explicación en que "a sociedade baixou a garda" e "agora hai máis permisividade". Falta realizar un labor para "sensibilizar" e chegar a un "acordo xeral con todos os sectores e colectivos implicados", engadiu Pajín.
Investigación de novos fármacos
Por outra banda, a ministra anunciou que o MSPSI impulsará a investigación no desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento da drogadicción e a redución de danos inherentes á mesma, así como nos efectos dos diferentes consumos, especialmente en relación coas novas drogas.
Explicou que o seu departamento impulsará con bolsas de formación os proxectos de investigación no Instituto Nacional sobre Investigación en Abuso de Drogas de Estados Unidos para potenciar o convenio subscrito co citado organismo.
A ministra lembrou que o MSPSI destinou entre o 2009 e o 2010 máis de 18 millóns de euros dentro do Plan de Acción sobre Drogas aos programas de prevención educativa, escolar, familiar e comunitaria que xestionan Comunidades Autónomas, Corporacións Locais e ONGs.
Referiuse ao consumo de drogas e os seus efectos sobre a saúde física e mental dos consumidores como ”un dos principais problemas expostos para a saúde pública”.
Durante a súa comparecencia Pajín anunciou que o seu departamento elaborará, en colaboración con Institucións Penais, unha nova enquisa sobre o consumo de drogas na poboación recluída. Especificou que o traballo de campo realizarase este ano. España é pioneira neste tipo de estudos a nivel mundial. O Goberno xa realizou un primeiro traballo de investigación sobre saúde e consumo na poboación penal no ano 2006.
Por último, a ministra destacou o extraordinario traballo realizado pola Comisión no “Relatorio sobre Sistemas de Tratamento e Atención en Drogodependencia. Claves para o Futuro”. Mostrouse disposta a crear, segundo recolle o informe deste documento, as condicións necesarias para unha atención integral da drogadicción: “os adictos/as son enfermos/as que hai que tentar curar; só así dignificaremos ás persoas e acabaremos coa estigmatización que leva calquera tipo de adicción”.
FONTE: Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e As drogas Info.