O Informe Mundial sobre as Drogas da <abbr title="Oficina das Nacións Unidas">ONU</abbr>, en cifras

Cartel informativo

28/06/2012

A loita contra a delincuencia organizada transnacional e as drogas ilícitas debe pasar a formar parte integral do programa de desenvolvemento, sinalou ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas Yuri Fedotov, Director Executivo da Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC). Durante un debate temático especial sobre a ameaza que as drogas e o delito expoñen para o desenvolvemento, Fedotov dixo que, a medida que se aproximaba o prazo fixado de 2015 para pasar revista aos progresos realizados a nivel mundial no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, recoñecíase cada vez máis que a delincuencia organizada e as drogas ilícitas obstaculizaban o logro deses obxectivos.

As drogas ilícitas alimentan a delincuencia e a inseguridade á vez que socavan os dereitos humanos e platean riscos considerables para a saúde pública: "A heroína, a cocaína e outras drogas seguen matando a unhas 200.000 persoas ao ano, destrúen familias e causan sufrimento a outros miles de persoas, crean inseguridade e contribúen á propagación do VIH", sinalou o Sr. Fedotov ao presentar o Informe Mundial sobre as Drogas 2012, publicación insignia da UNODC, ante a Asemblea Xeral.

"É preciso recoñecer que os aspectos de saúde pública da prevención, o tratamento, a rehabilitación e a reinserción son elementos primordiais da estratexia mundial para reducir a demanda de drogas", dixo o Director Executivo á Asemblea Xeral, que se reuniu con ocasión do Día Internacional da loita contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas.

O Informe Mundial sobre as Drogas de 2012, publicado onte pola Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (ONUDC), destaca que os mercados dos narcóticos tradicionais estabilizáronse, mentres que aumentan os das sustancias sintéticas.

Estas son as principais cifras do documento:

- Uns 230 millóns de persoas, o 5 % da poboación mundial de 15 a 64 anos, consumiron algunha droga polo menos unha vez en 2010, un nivel que se mantivo estable desde 2005.

- Os "consumidores/as problemáticos de drogas" supoñen uns 27 millóns de persoas, o 0,6 % da poboación adulta mundial.

- Cada ano 200.000 persoas morren no mundo polos efectos das drogas sobre a saúde.

- En termos monetarios, a ONU calcula que se requiren de entre uns 200.000 millóns a 250.000 millóns de dólares (entre un 0,3 % e un 0,4 % do PIB mundial) para sufragar todos os custos de tratamento relacionados coas drogas en todo o planeta.

- O impacto económico do consumo de drogas na produtividade dunha sociedade tamén é tratado no informe da ONU. Segundo un estudo realizado en Estados Unidos, as perdas de produtividade eran equivalentes ao 0,9 % do PIB e en estudos realizados noutros países citábanse diminucións da orde do 0,3 % ao 0,4 % do PIB.

- A droga máis consumida é o cannabis, con entre 119 e 224 millóns de persoas que a tomaron polo menos unha vez en 2010. A maior taxa de consumo atópase en Europa e o maior produtor, co 15 % mundial, é Marrocos. Ese país cultivou 47.500 hectáreas en 2010 e produciu unhas 760 toneladas de resina de haxix.

- As drogas derivadas do opio son consumidas por entre 38 e 56 millóns de persoas. O maior produtor mundial é Afganistán, cuxas elaboracións de opio aumentaron en 2011 un 61 %, até as 5.800 toneladas, mentres que a produción mundial alcanzou as 7.000 toneladas.

En 2010 a produción mundial foi de 4.700 toneladas. En Asia e África consómese o 70 % da produción, aínda que a ONU lamenta que falten datos respecto diso.

-A cocaína é consumida por entre 13 e 19 millóns de persoas. En 2010 as rexións con maior prevalencia de uso son América do Norte (1,6 %), Europa Occidental e Central (1,3 %) e Oceanía (1,5-1,9 %).

-Os estimulantes de tipo anfetamínico son consumidos por entre 14 e 52 millóns de persoas. Mentres que o mercado das anfetaminas permaneceu estable, aumentou o das metanfetaminas, cuxas incautacións se duplicaron en dous anos, até as 45 toneladas de 2010.

O incremento continuado dos comisos dos precursores químicos para a elaboración de drogas sintéticas apunta a un aumento do consumo.

-Os comprimidos de "éxtases" son consumidos por entre 10 e 28 millóns de persoas. A ONU recoñece que o "cambio continuo no proceso de fabricación ilícita de sustancias sintéticas supón unha gran variedade de novos desafíos ás autoridades".