O goberno español desenvolverá unha nova lei que dificulte o acceso ao alcol dos/as adolescentes.

Rapaza bebendo

25/10/2012

O Goberno español está a elaborar unha lei estatal que establecerá límites no acceso dos/as adolescentes ao alcol coa que se pretende, segundo sinalou nunha entrevista o delegado do Plan Nacional sobre Drogas, Francisco de Agarrades Babín, dar uniformidade á lexislación existente, xa que hai máis de 900 normas autonómicas e locais "que dunha ou outra maneira" inciden neste tema.

A nova normativa establecerá uns "mínimos comúns" para todo o territorio nacional, entre eles, a homoxeneización da idade legal de consumo e compra de alcol, e incidirá na prevención, dada a súa "alta accesibilidade" e que os "límites que existen non son suficientes".

Os datos son preocupantes:

- Os/as adolescentes españois empezan a beber ao cumprir trece anos

- O 60% recoñece haberse emborrachado algunha vez na súa vida

- Un de cada tres fíxoo nos últimos 30 días.

"Á vista das estatísticas que manexamos, o obxectivo prioritario non pode ser outro que o traballar en atrasar a idade de inicio ao consumo de alcol na poboación menor de idade. Preocúpanos e moito a inxesta que se produce entre adolescentes, sobre todo, os fins de semana e moitas veces carrexando bebedeiras", dixo.

Babín manifestou a súa intención de lograr un texto en colaboración coas comunidades autónomas e alcanzar o "máximo consenso posible", aínda que incidiu en que "en ocasións hai que aprobar leis que poñan límites". Lembrou que non houbo nunca unha normativa estatal sobre drogodependencia en termos xerais, pero que si se desenvolveu "unha variada lexislación" por parte das comunidades autónomas para abordar este problema, de aí, tal e como subliñou, a necesidade de dar "un mínimo de coherencia e uniformidade" e "unha visión global" de Estado.

O responsable do Plan Nacional insistiu na importancia de lograr que o alcol "non circule cara aos menores", mellorando o control nos puntos de venda, aínda que recoñeceu que "non hai unha medida única e máxica que permita ser máis eficientes neste campo".

Os/as especialistas consultados para levar a cabo esta iniciativa consideran necesario dotar aos centros de ensino e ás familias de mellores instrumentos para que poidan exercer o seu papel educativo, porque "ninguén nace sabendo", e para que aos pais lles sexa máis fácil o diálogo cos seus fillos/as. Pero tamén avogan, segundo subliñou Babín, por traballar na detección precoz da mociade con trastornos de conduta, que teñen un 20% máis de posibilidades de consumir sustancias aditivas, e que moitas veces son os líderes dos grupos aos que imitan outros/as adolescentes.

Para o desenvolvemento desta lei, os expertos do Plan Nacional están a estudar as distintas lexislacións tanto a nivel nacional como internacional, co obxectivo de "tentar seleccionar as medidas que, por evidencia científica e por ser máis adaptables á cultura do país, poidan formar parte dese proxecto".

Na entrevista asegurou ademais que a crise non incidiu no aumento do consumo de drogas. Pola contra, os últimos datos dispoñibles evidencian un descenso, salvo precisamente no consumo de alcol por parte de adolescentes e de cannabis nos adultos, aínda que este último aumentou desde a perspectiva experimental, é dicir, "algunha vez na vida" e non de forma diaria.

Fonte UNAD