O Goberno adiantará a prevención do alcohol aos nenos/as de nove anos

Rapaces e rapazas xogando

12/04/2011

Preocupa o incremento do consumo en menores, a partir de 12 anos. Isto fai insuficiente dirixir a prevención cara aos/as adolescentes. Insiste en "certa permisividade nas familias, na que hai que traballar". Propón vixiar aos supermercados e que os/as menores non fagan botellóns.

A delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Nuria Espí, anunciou que o Executivo adiantará a prevención sobre o consumo de alcohol ao ensino primario (nenos/as de 9 a 10 anos), tendo en conta que o inicio no seu consumo é cada vez máis temperán.

Así o manifestou Espí nunha rolda de prensa para presentar as xornadas nacionais "Socidrogalcohol", que se están a celebrar estes días e que reúne a expertos/as nacionais e internacionais en drogas e adiccións.

A responsable do Plan Nacional explicou que se están mantendo conversacións con ONG e comunidades autónomas para deseñar as políticas de prevención que se van a levar a cabo en primaria, aínda que subliñou que a fórmula debe ser única para todas as comunidades autónomas.

Nuria Espí sinalou que unha das principais preocupacións do Plan é o incremento do consumo de alcol en menores (a partir de 12 anos), polo que xa non é suficiente dirixir a prevención cara aos/as adolescentes.

Recoñeceu que queda moito traballo por facer no cumprimento da lei, que prohibe a venda e consumo de alcol a menores de 18 anos, e asegurou que a permisividade no seu consumo é un problema colectivo de toda a sociedade.

"Non prohibir, senón educar"

"Non estamos a falar de prohibir nada, senón de educar e de dicir que ten riscos", sinalou Espí, quen insistiu en que existe "certa permisividade nas familias, na que hai que traballar". "Coas familias non queda máis remedio que facer campañas a través dos medios de comunicación, como se fixo en materia de tráfico", indicou.

Para lograr o cumprimento da lei, a delegada do Goberno propuxo, entre outras accións, vixiar aos supermercados e controlar que non se fagan botellóns e que os menores non participen neles".

Outra das áreas nas que traballa o Plan é o consumo de novas drogas emerxentes e nos próximos días farase público o sexto traballo da comisión médica que estuda estas sustancias. Aínda que Espí non adiantou datos deste estudo, si sinalou que as porcentaxes de consumo en España son baixos, xa que non chegan ao 1%.

Ambientadores e sales de baño, como droga

No entanto, destacou que o principal problema destas drogas é que moitas veces se trata de produtos que están comercializados pero o que se lles da un uso distinto para o que están deseñados. Así, a utilización como droga de ambientadores e sales de baño relaxantes pode chegar a ter efectos letais, advertiu Espí.

A relación entre drogas e trastornos mentais está a incrementarse, especialmente nos mozos, segundo Enriqueta Ochoa, psiquiatra do Hospital Ramón e Caxal de Madrid e organizadora das xornadas.

A doutora Ochoa sinalou que o risco de sufrir patoloxías psicóticas multiplícase por tres nos/as adolescentes que consomen alcol e sustancias psicoestimulantes, nos/as que ademais se adianta até en sete anos o inicio de empezar a sufrir enfermidades mentais.

Pola súa banda, Josep Garda, psiquiatra e vicepresidente de "Socidrogalcohol", sinalou que o alcol está presente no 90% dos policonsumos de drogas.

Case un de cada tres homes e unha de cada seis mulleres (entre 15 e 34 anos) realizan un consumo de alcol en forma de "atracón", é dicir, que poden tomar cinco ou máis consumicións (catro ou máis en mulleres) en dúas horas, sinalou este psiquiatra.

 

FONTE: AS DROGAS INFO