O consumo de drogas por estudantes de ensinanza secundaria en Galicia é inferior á media estatal
12/08/2016
A prevalenza do consumo de drogas por mozos/as galegos/as de entre 14 e 18 anos é inferior á media estatal, segundo se desprende dos resultados da Enquisa sobre o uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (ESTUDES), realizada pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre drogas.
Segundo explicou o subdirector xeral de Programas de Fomento e Estilos de Vida Saudables, Jorge Suanzes, en 2014 -ano da última mostraxe- analizáronse 18 sustancias psicoactivas, e a enquisa amosa que, en Galicia, a substancia máis consumida polos/as estudantes é o alcohol, por encima do tabaco e o cánnabis. Tamén constata que o consumo de drogas ilegais está máis estendido nos homes e o de drogas legais -tabaco, alcohol ou hipnosedantes- entre mulleres. En todos os casos, excepto no de hipnosedantes, aumenta coa idade.
Consumo de alcohol
En comparación coa enquisa anterior -que se realizara en 2012- a prevalenza do consumo de alcol “algunha vez na vida” baixou seis puntos porcentuais, “nos últimos 12 meses” baixou sete puntos e “nos últimos 30 días” baixou nove puntos.
Ademais, as borracheiras baixaron oito puntos porcentuais, e o binge drinking -consumo intensivo de alcohol- baixou 10 puntos. En todos os casos, os datos son inferiores á media estatal, como tamén o é a prevalenza de asistencia a botellóns, que oscila entre o 10% aos 14 anos e o 65% aos 18. A prevalenza nestes dous casos é máis elevada nos homes e aumenta coa idade.
Consumo de tabaco e cánnabis
No que atinxe ao consumo de tabaco vén baixando de forma sistemática dende o 2008, e no caso do consumo diario pasou dun 15,4% en 2008 ao 8% en 2014. O 49,5% dos /as estudantes conviven con persoas que fuman diariamente.
Ademais, segundo a enquisa, 1 de cada 10 estudantes probaron algunha vez un cigarrillo electrónico. O comportamento con respecto ao cánnabis é similar ao tabaco, e as prevalenzas están a diminuír de xeito constante dende 2008.
O 77% dos enquisados/as considéranse ben informados con respecto ás drogas. As vías máis habituais de comunicación sobre este tema son o profesorado, a familia e os medios de comunicación.
Obxectivos de ESTUDES
Dende 1994 o Plan Nacional sobre Drogas realiza cada dous anos este estudo co obxectivo de coñecer a situación e as tendencias do consumo de drogas, os patróns de consumo, os factores asociados e as actitudes ante este tema dos/as estudantes de ensinanzas secundarias de 14 a 18 anos.
Isto permite orientar o desenvolvemento e avaliación de intervencións destinadas a reducir o consumo e os problemas asociados. Para a última mostraxe, de 2014, foron entrevistados/as 37.486 estudantes de 941 centros educativos de toda España, dos que 2.102 eran galegos.
Fonte: Sergas