O consumo de cocaína e outras drogas ilegais, en mínimos históricos na poboación española

Persoa baixo os efectos dunha sustancia

06/03/2015

O consumo de cocaína e doutras drogas ilegais, como a heroína, atópase en mínimos históricos na poboación xeral española (de 15 a 64 anos). É unha das conclusións da Enquisa Domiciliaria sobre Alcol e outras Drogas 2013/2014, presentada polo delegado do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Francisco Babín.

Aínda que descende lixeiramente o consumo de cannabis na poboación xeral, dos novos consumidores, o 36% son menores.

Babín tamén subliñou o risco para a saúde que supón o consumo intensivo do cannabis e a súa capacidade aditiva. Por primeira vez no noso país, o cannabis converteuse na droga que máis demandas de tratamento xera entre as persoas que solicitan axuda por primeira vez, superando á cocaína e a heroína.

DROGAS MÁIS CONSUMIDAS

Os datos demostran que as drogas de maior consumo son, por esta orde, o alcol (o 78,3% consumiuno nos últimos doce meses), o tabaco (40,7%) e os hipnosedantes (12,2%). A proporción de persoas que consome hipnosedantes supera por segunda vez á dos consumidores de cannabis (9,2%).

A enquisa pon de manifesto un lixeiro aumento do consumo de sustancias legais (tabaco, alcol e hipnosedantes) e un lixeiro descenso no uso de sustancias ilegais. Tamén se consolida o policonsumo, onde o alcol e o cannabis xogan un papel predominante.

DATOS POR SUSTANCIAS

• Tabaco. Estabilízase a prevalencia de consumo diario de tabaco, en todos os rangos de idade e en ambos os sexos.

• Alcol. Segue sendo a sustancia psicoactiva máis consumida e tamén rexistra un lixeiro incremento. O 78,3% consumiu alcol nos últimos doce meses (76,6% na enquisa anterior) e o 64,4% fíxoo algunha vez nos últimos 30 días. A prevalencia de bebedeiras en ambos os sexos e para todos os grupos de idade móstrase estable, aínda que manténdose en niveis elevados. Ascende lixeiramente o consumo de alcol en forma de atracón (binge drinking). Esta forma de consumo de risco concéntrase no grupo de adultos novos de 15 a 29 anos, de ambos os sexos. O botellón tamén se concentra no grupo de adultos novos de 15 a 24 anos.

Doutra banda, ao redor do 0,4% da poboación entre os 15 e os 64 anos presenta unha posible dependencia (120.000 persoas).

• Hipnosedantes. O seu consumo segue aumentando de forma paulatina desde 2005. O 6,8% consómeas a diario, a porcentaxe de mulleres que consumiron este tipo de sustancias no último ano duplica o de homes. Estas diferenzas aumentan coa idade.

• Cannabis. A prevalencia do consumo de cannabis descende lixeiramente, aínda que aumenta a proporción de consumidores que o fai a diario. Por idades, a prevalencia do consumo en todos os rangos concéntrase na franxa comprendida entre os 15 e os 34 anos. Os homes consomen en maior proporción que as mulleres en todos os grupos de idade.

• Cocaína. O seu consumo continúa diminuíndo, confirmándose a tendencia descendente iniciada no noso país en 2007. Así mesmo, obsérvase un menor protagonismo desta sustancia nas novas consultas dos centros de atención a drogodependentes.

• Heroína. O consumo de heroína está estabilizado, manténdose as mesmas prevalencias que en anos anteriores.

 

Os cidadáns consideran que as medidas de maior eficacia para previr o consumo de sustancias son as formativas (90,4%), o tratamento (83,2%) o control policial (81,2%) e a restrición legal (76,6%).

Entre as opcións menos populares, atópanse a legalización do cannabis e a legalización de todas as drogas, que non mostran cambios significativos con respecto á edición anterior de 2011.

FONTE: PND