O consumo de cocaína cuadriplica o risco de infarto en menores de 55 anos
28/03/2011
Este risco multiplícase por sete cando o consumidor/a non supera os 45 anos, segundo un estudo do Hospital Clínic de Barcelona.
A Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) alerta de que o consumo de cocaína resulta un problema social e médico crecente en España, e que debe tomarse cada vez máis en consideración á hora de diagnosticar ó/á paciente.
Un estudo realizado recentemente no Hospital Clínic de Barcelona apoia esta teoría cun alarmante dato, pois, tras avaliar a todos os/as pacientes atendidos/as na Unidade de Dor Torácica durante un ano (3.363 persoas), detectaron que os individuos menores de 55 anos que inxeriran este estupefaciente, presentaban un risco catro veces maior do habitual de presentar un infarto de miocardio. Outros grandes estudos afirman, mesmo, que este risco se multiplica por sete en pacientes que non superan os 45 anos, polo que o risco parece que aumenta e resulta máis prevalente canto máis novo/a é o/a paciente.
Concretamente, o 16% dos/as pacientes que acudiron ao centro catalán con dor torácica tras consumir cocaína, tiveron un infarto de miocardio. A maioría dos casos déronse en homes (nunha proporción catro veces superior en comparación cos casos de mulleres) e fumadores, cunha idade media de 35 anos.
O risco de ter un episodio desta índole multiplícase por 24 durante a primeira hora tras o consumo desta droga. E é que son múltiples os efectos secundarios que a cocaína desencadea e que resultan altamente perniciosos para a saúde cardiovascular. Esta droga aumenta o consumo de osíxeno ao inducir taquicardia, elevación da presión arterial e a contractilidade miocárdica, e diminúe a súa achega.
Segundo o Dr. Xavier Bosch, membro da SEC, director da Unidade Coronaria do Hospital Clínic de Barcelona e un dos autores do estudo, “o feito de que a cocaína se inhale por vía nasal, fai que se absorba e pase ao sangue de forma inmediata e provoque un aumento brusco da adrenalina, a coagulabilidade do sangue e vasoconstrición coronaria, o que acaba favorecendo a aparición do infarto, de forma bastante inmediata”.
Subestimación do problema
O consumo de cocaína supón o 5% das consultas a urxencias por dor torácica entre os/as pacientes menores de 55 anos. Aínda que esta molestia no peito sexa o principal síntoma, tamén son habituais as palpitacións, as náuseas, a disnea ou o nerviosismo intenso.
Resulta imprescindible que os médicos/as detecten estes síntomas para que os/as pacientes poidan ser tratados a tempo, xa que moitos deles non recoñecen consumir cocaína cando se presentan no servizo de urxencias, lembra a SEC. Neste sentido, cabe destacar que, concretamente, o 19% dos/as pacientes que acudiron á unidade de dor torácica do Hospital Clínic de Barcelona, por medo a que aparecese no seu historial clínico, non confesaron tomar cocaína, a pesar de detectarse as súas metaboliños nos ouriños.
Outro factor que non contribúe a un diagnóstico adecuado é que o interrogatorio sobre o consumo de estupefacientes adoita ser moi variable nos servizos de urxencias e, en calquera caso, é moi inferior ao dos factores clásicos de risco coronario. Este feito resulta bastante contraditorio tendo en conta o crecente aumento do consumo de cocaína no noso país durante estes últimos anos, o que converteu a España nun dos países máis consumidores, xunto a Estados Unidos e Reino Unido.
Segundo o Informe Mundial sobre as Drogas do ano 2009, publicado pola ONU, un 1,4% da poboación de Europa occidental entre 15 e 64 anos e un 3% da española son consumidores/as de cocaína. Estes datos acentúanse en determinados grupos de idade, como os/as estudantes de secundaria, entre os que o consumo desta droga en España multiplicouse por catro nos últimos 10 anos.
FONTE: JANO