O consumo de cannabis en adolescentes prexudica o rendemento escolar
11/09/2014
Os/as adolescentes -menores de 17 anos- que consomen cannabis a diario teñen un 60% menos de probabilidades de acabar o instituto ou de conseguir unha titulación universitaria comparados cos que nunca fumaron esta droga. É unha das conclusións dun estudo publicado na revista “The Lancet Psychiatry” que tamén analiza outras "secuelas psicosociais" do consumo habitual de cannabis: os seus usuarios teñen sete veces máis probabilidades de tentar suicidarse, 18 veces máis de desenvolver dependencia ao cannabis e oito veces máis de consumir outras drogas na vida adulta.
O traballo, de investigadores australianos e neozelandeses e financiado polo Goberno australiano, é en realidade un metaanálisis que analiza varios estudos longitudinais (que seguen aos individuos durante anos) con até 3.765 participantes. O obxectivo era coñecer mellor a relación entre a frecuencia do uso de cannabis (nunca, cada máis dun mes, unha vez ao mes ou máis, semanalmente, a diario) na adolescencia e sete resultados vinculados co desenvolvemento até os 30 anos de idade. Entre eles, acabar o instituto, conseguir unha titulación universitaria, dependencia do cannabis, uso doutras drogas ilícitas, intento de suicidio, depresión e dependencia das prestacións sociais.
Os investigadores/as atoparon asociacións claras entre a frecuencia do consumo de cannabis durante a adolescencia e a maioría dos resultados na etapa adulta que investigaron, mesmo despois de controlar outros factores como a idade, o sexo, orixe étnica, status socioeconómico, consumo doutras drogas e enfermidade mental. "Os nosos resultados proporcionan probas sólidas de que a prevención ou o atraso no consumo de cannabis pode ter grandes beneficios sociais e de saúde", asegura o autor principal, Edmund Silins, do Centro Nacional de Investigación en Drogas e Alcol de Australia.
O traballo relaciona a frecuencia do consumo co incremento do risco, de forma que os/as participantes que na adolescencia consumiron a diario mostraron maiores consecuencias na primeira etapa adulta. Nun comentario que tamén publica a revista, a profesora de Psiquiatría da Universidade de Copenhague Merete Nordentoft asegura: "Os convincentes resultados de Silins e os seus colegas son moi valiosos e moi pertinentes nun momento no que varios estados americanos e países latinoamericanos e europeos están despenalizando ou legalizando o cannabis e permitindo a publicidade libre de diferentes presentacións desta droga. A estes cambios na lexislación seguramente seguirá un descenso dos prezos, que á súa vez levará a que máis adolescentes teñan dificultades para acabar os seus estudos e a súa maduración social e persoal, e aumentará o risco de psicose".
O cannabis é a droga ilegal consumida por unha porcentaxe maior de mozas en España. Segundo a última enquisa ESTUDES, sobre poboación escolar entre 14 e 18 anos, o consumo diario é do 2,7% (3,8% en mozos e 1,5% en mozas). En 2012, último ano do que hai datos do Ministerio de Sanidade, a tendencia decrecente que se observaba desde 2004 freouse.
Fonte: El País