O alcol está presente en case a metade das persoas falecidas en accidentes de tráfico

Visión nocturna e borrosa da condución

23/01/2013

A sociedade científica española de estudos sobre o alcol, alcoholismo e outras toxicomanías, SOCIDROGALCOHOL, alerta sobre o feito de que case a metade das vítimas mortais por accidentes de tráfico presentan unha elevada concentración de alcol no sangue.

Para o Dr. Josep Garda Serecigni, membro da Xunta Directiva de SOCIDROGALCOHOL e especialista sénior (Unidade de Condutas Aditivas do Hospital da Santa Creu i Sant Pau de Barcelona) comenta que “o máis importante é que o alcol está presente no 45% dos mortos/as en accidente de tráfico. Un volume realmente alarmante e que se podería evitar, xa que actualmente a dependencia e o abuso de alcol, teñen novos tratamentos que reducen substancialmente os riscos de accidentes, lesións e enfermidades causadas polo consumo excesivo de bebidas alcohólicas”.

Segundo os resultados dos casos analizados polo Instituto de Toxicoloxía en 2011, o 45,01% dos condutores/as falecidos/as presentaron resultados positivos en sangue para o alcol e/ou drogas e/ou tranquilizantes, pero a maioría das persoas falecidas (72%) deron positivo soamente para o alcol.

Segundo o Informe o 76,52% das vítimas presentaron unha taxa de alcol superior a 1,2 g/L, o cal equivale a tomar máis de 6 consumicións de contido alcohólico, durante as horas previas ao accidente, e a maioría destas persoas non eran precisamente novas, senón que se atopaban na franxa de idades entre os 40 e 60 anos.

Ademais, non só os/as ocupantes de vehículos poden falecer nun accidente de tráfico, senón que entre o 42,19% dos peóns que faleceron por ser atropelados/as, o 60,49% tamén presentaban alcol no sangue, só ou asociado con drogas e/ou tranquilizantes, sendo a cocaína a droga ilegal que aparece con maior frecuencia (54,72%) e que adoita estar asociada ao abuso de alcol.

O Dr. Josep Garda destaca así mesmo que, segundo recentes investigacións, o alcol é canceríxeno “en 2007, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro concluíu que existía unha relación causal entre o alcol e o cancro da cavidade oral, farinxe, larinxe, esófago, fígado, colon, recto e da mama feminina”.

Fonte: SOCIDROGALCOHOL