O alcoholismo crónico altera a expresión dos xenes que regulan o reloxo biolóxico
01/09/2010
Un estudo realizado pola Universidade Médica de Taipei, en e, que se publicará o próximo novembro en "Alcoholism: Clinical & Experimental Research", demostrou en animais que o alcoholismo crónico pode alterar a expresión dos xenes relacionados co ritmo do reloxo biolóxico, regulador das actividades fisiolóxicas e as condutas da maioría dos seres vivos.
En concreto, este traballo demostrou que niveis significativamente baixos de ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm), unha molécula que axuda a fabricar proteínas, nos xenes do reloxo circadiano ou biolóxico dos alcohólicos demostran a existencia dunha relación entre os xenes do reloxo biolóxico e a bebida en humanos.
Segundo a investigadora da Universidade Médica de Taipei Sy-Jye Leu, autora do estudo, "os ritmos do reloxo biolóxico, ou circadiano, do corpo modulan as funcións fisiolóxicas e as condutas relacionadas, como a temperatura corporal, a secreción de hormonas e o ciclo soño-vixilia". "Os ritmos circadianos son a manifestación externa dun sistema de coordinación interno que está dirixido por diversos factores xenéticos, aos que chamamos xenes do reloxo circadiano", indica esta experta.
A expresión ou regulación apropiada destes xenes é necesaria para que calquera organismo realice de forma eficiente o seu "programa" de actividades fisiolóxicas e condutuais para asegurar a súa supervivencia, asevera.
"A dependencia ao alcol está relacionada con disfuncións no ritmo circadiano como os problemas do soño e os cambios de humor", engade o psiquiatra Chian-Jue Kuo, do Hospital de Taipei, quen asegura que este estudo "é importante porque os autores usaron unha mostra clínica, en lugar de modelos animais, para observar as alteracións circadianas en pacientes con adicción ao alcol".
Problemas de soño. depresión e mesmo cancro
"Anteriores estudos demostraron que o alcol pode alterar de forma directa a transmisión neuronal no cerebro", segundo destaca Leu, quen engade que isto podería, á súa vez, exercer influencia sobre a actividade dos xenes que controlan o reloxo biolóxico e alterar a resposta relacionada cos ritmos circadianos.
"Avaliar os niveis de ARNm ofrece unha medición directa da expresión xenética dos xenes do reloxo biolóxico e a posibilidade, simultánea, de valoralos a case todos", indica.
Para realizar este traballo, o equipo de Leu examinou mostras de sangue de 22 pacientes homes con dependencia do alcol e a 12 suxeitos sans, que formaron parte do grupo de control co que se lles ía a comparar. Os resultados demostraron a existencia dunha linea basal máis baixa dos niveis de ARNm dos xenes do reloxo biolóxico diana nos pacientes con dependencia do alcol, en comparación cos individuos do grupo de control, o que indica a existencia dun descenso xeral da expresión dos xenes do reloxo circadiano en individuos con alcoholismo crónico.
"Noutras palabras, o consumo crónico de alcol está asociado cunha destrución da expresión xenética normal do reloxo biolóxico", resume Leu, quen asegura que esta expresión alterada dos xenes "está moi relacionada cunha disfunción nos ritmos circadianos e pode estar vinculada a problemas psicolóxicos, como a desregulación do ciclo soño-vixilia, a depresión e mesmo o cancro".
Ademais, segundo Leu, a expresión xenética reducida non se arranxa seguindo un tratamento temperán para deixar de beber. "Trátase da primeira evidencia achada en humanos de que o alcoholismo crónico pode xerar efectos daniños, a longo prazo, sobre a expresión dos xenes responsables do ritmo circadiano", indicou esta experta.