O alcohol e outras drogas multiplican por nove o risco de accidente
15/07/2013
Conducir baixo os efectos do alcol é ilegal en todos os países da Unión Europea pero, cantas persoas o fan?. Estatísticas precisas son difíciles de conseguir porque moitos/as condutores/as non admiten que infrinxen a lei, pero o que si se sabe, é que o alcol ou outras drogas son un factor que está presente en case o 25% dos accidentes de tráfico que se producen na Unión Europea, accidentes que supoñen cada ano a perda de ao redor de 9.000 vidas.
Estes datos de incidencia de alcol e drogas na condución teñen o seu reflexo real no noso país, a través da memoria que o Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses vén realizando en relación coas análises realizadas a vítimas de accidentes de tráfico. No seu último informe, sinala que en 2012, dos 615 condutores/as falecidos/as en accidente de tráfico, 291, o 47,32% do total presentaron resultado positivo en sangue a alcol, outras drogas e/ou psicofármacos.
Esta situación, leva á Dirección Xeral de Tráfico a seguir incidindo en campañas intensivas coma esta. Durante unha semana, os/as axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e os/as policías municipais que se suman á campaña, intensificarán a vixilancia e realizarán máis de 20.000 probas diarios de alcol e outras drogas a diferentes horas do día e en calquera vía.
A razón de levar a cabo estas campañas, ademais dos datos de falecidos/as que xa por si sos avalan a realización da mesma, é que o aumento dos controis preventivos, xunto co cambio de comportamentos dos/as cidadáns, están a facer que a porcentaxe de positivos en alcoholemia nos devanditos controis descendesen do 5% en 2001 ao 1,8% en 2011.
Perfil do condutor/a falecido/a
A pesar da crenza de que son os mozos/as os que máis alcol e drogas inxiren e que as mensaxes que se envían desde distintos organismos non chegan, a memoria do Instituto de Toxicoloxía e Ciencias Forenses demostra o contrario, tal e como a continuación exponse:
- Dos 291 condutores/as falecidos/as que deron positivo, 88 tiñan unha idade entre 31 e 40 anos. Séguenlle os de 21 a 30 anos.
- A maioría eran homes (275) fronte ás 16 mulleres.
No 74,23% dos casos con resultado positivo, detéctase alcol só ou asociado a outras drogas e/ou psicofármacos.
Cales son os riscos?
O alcol é absorbido rapidamente en sangue e afecta o corpo de diferentes maneiras:
- Reaccións e movementos máis lentos
- Dificultade na concentración
- Problemas de coordinación
- Menor percepción da contorna
- Incremento da somnolencia
- Maior vulnerabilidade, polo que en caso de accidente a gravidade das feridas é maior
Por tanto, aínda que se crea que se está en pleno uso de facultades físicas e mentais, coa inxesta de alcol multiplícase até 9 veces o risco de provocar un accidente.
Pero non só o alcol e outras drogas son perigosos para os condutores/as, senón tamén para os/as peóns. Na memoria de 2012 do Instituto de Toxicoloxía, dos 164 peóns falecidos/as analizados, máis da metade (84) arroxaron resultarvos positivos en sangue a alcol, outras drogas e/ou psicofármacos.
Fonte: Dirección Xeral de Tráfico