Novo servizo: Proba rápida en fluído oral de VIH

Cartel da campaña

05/12/2013

Segundo o último informe de vixilancia epidemiolóxica da Consellería de Sanidade en Galicia rexistráronse 1.845 casos de persoas infectadas polos virus de inmunodeficiencia humana entre os anos 2004 e 2012, cunha media de 205 infeccións anuais, dos que 75% son homes cunha idade media no momento do diagnóstico de 38 anos.

A categoría de transmisión máis frecuente foi a das relacións sexuais non protexidas, que supuxo o 75% dos casos, seguida dos caos debidos a intercambio de xiringas entre usurarios de drogas, cun 20% dos infectados/as.

Este informe tamén indica que o atraso diagnóstico é importante, maioritariamente cando a transmisión é por manter prácticas sexuais non seguras.

A todo isto sumáselle que, un terzo das persoas que están infectadas polo VIH descoñecen que o están e por iso poden evolucionar a formas máis graves da enfermidade e perder a oportunidade de recibir tratamento médico axeitado. O diagnóstico e seguimento médico dende estadios iniciais mellorarían moito o seu prognóstico. Tamén poden transmitir, sen darse conta, o VIH a súas parellas sexuais.

Por todo, isto e coincidindo coa conmemoración do “Dia Mundial da SIDA”, a Asociación Renacer, acaba de poñer en marcha, coa autorización da Consellería de Sanidade, un servizo totalmente gratuíto, de realización das probas rápidas en fluído oral de detección do VIH para axudar a diagnosticar a estas persoas que descoñecen a súa infección, ao que poden acudir persoas de toda a comarca da Barbanza.

Con esta iniciativa preténdese facilitar a detección precoz do VIH en persoas de 16 anos en diante con prácticas de risco que non foron diagnosticadas previamente e incrementar as prácticas preventivas naquelas persoas que acudan a realizar a proba. No caso de ser necesario, tamén se facilitará o acceso ao diagnóstico definitivo e ao tratamento antirretroviral.

A proba realízase sobre unha mostra de fluído oral e, nun prazo de 20 a 40 minutos, ofrece un primeiro resultado que deberá ser confirmado, posteriormente, cunha proba diagnóstica de laboratorio.

O proceso da proba inclúe tres pasos: o consello asistido e consentimento previo á realización da mesma; a realización da proba rápida en fluído oral segundo as especificacións técnicas do produto; e, finalmente, o consello asistido posterior.

Se o resultado non é reactivo, reforzarase o consello asistido sobre prácticas seguras. Se o resultado é reactivo, recomendarase a necesidade de establecer un diagnóstico de certeza e, se a persoa está de acordo, derivarase a un centro sanitario. Xunto con todo o anterior, remarcaranse os beneficios dun control e tratamento precoz, e a necesidade de adoptar prácticas seguras para evitar a reinfección e a transmisión a outras persoas.

As probas rápidas de detección do VIH teñen un importante atractivo para persoas que tiveron practicas de risco, pola accesibilidade do lugar onde poden realizala, pois non teñen que realizarse dentro da estrutura do sistema sanitario, e a inmediatez de resultados que proporcionan.