“Mocidade on line”: estudo sobre os hábitos tecnolóxicos dos/as adolescentes galegos
05/09/2014
O estudo “Mocidade on line”, realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, permite determinar con precisión os riscos que os/as adolescentes galegos asumen na súa relación con Internet. O traballo permitiu concluír que o nivel de risco de adicción a Internet entre os/as adolescentes galegos é moderado. Preto do 82% dos mozos/as están a facer un uso adecuado da Rede, aínda que, segundo recollen os resultados, hai un 4% que presenta sinais de uso problemático en canto a unha posible conduta adictiva.
Un total de 255 centros de ensino secundario da nosa comunidade, e máis de 44.000 adolescentes, o que en termos técnicos supón erro de mostra tan só do 0,3%, participaron activamente no proxecto. Todos eles responderon de maneira voluntaria aos ítems que se lles propuxeron por medio dunha enquisa en relación cos seus usos e/ou abusos da Rede.
Fenómeno xeneralizado
Os resultados conseguidos permiten constatar que o uso de Internet entre os/as adolescentes galegos é un fenómeno absolutamente xeneralizado (o 97,8% utilizan Internet de maneira regular) cun 71,2% que se conectan á Rede todos os días e algo máis do 13% superan o cinco horas na mesma xornada. O mesmo pode dicirse das redes sociais, do teléfono móbil e de aplicacións de mensaxería instantánea como o Whatsapp.
O 93% dos/as adolescentes están rexistrados/as nalgunha rede social e máis da metade (51%) en catro ou máis. 9 de cada 10 adolescentes galegos de entre 12 e 17 anos teñen teléfono móbil. A idade media de acceso ao primeiro móbil é os 11,12 anos e 1 de cada 3 (33,7%) dispón de móbil antes de cumprir os 11. Por último, o 89,2% son usuarios de Whatsapp.
Os motivos polos que se conectan a Internet son moitos e variados, aínda que destacan especialmente dous: precisamente o uso de aplicacións de mensaxería instantánea (75,3%) e o uso das redes sociais (66,7%).
Prácticas perigosas
O estudo inclúe datos referidos especificamente a determinadas prácticas que poderían ser consideras de risco ou potencialmente perigosas e que, nalgúns casos, chegan mesmo a constituír motivo de delito, como podería ser o ciberacoso, o sexting e a sextorsión.
Chama a atención que un 4% dos enquisados admitiron practicar sexting, ou, o que é o mesmo, nalgunha ocasión nos doce meses precedentes á realización do test enviaran a algún terceiro fotos ou vídeos de contido erótico ou sexual por medio de Internet. Tamén máis do 31% dos/as adolescentes recoñeceron contactar con descoñecidos/as no ciberespazo nun de cada tres casos quedaron fisicamente coa persoa estraña. Máis do 17% accederan a páxinas web de contido erótico.
Outras prácticas de risco evidencian a existencia de casos puntuais de acoso por medio das novas tecnoloxías entre adolescentes. Así preto dun 4% foron ameazados/as coa publicación de fotos ou vídeos propios sen consentimento. Un 9% sentiu algunha vez ameazado/a ou humillado/a a través de Internet e case o 7% recoñecen ameazar, acosado ou humillado a outros/as no ciberespazo.
Uso problemático
Polo que se refire a un posible uso problemático de Internet, estímase que o 14,1% dos nosos/as adolescentes estarían nunha situación de risco medio-alto, mentres que o 4% presentaría xa signos manifestos dunha posible dependencia. Estas cifras son similares ás que se conseguiron no estudo precedente levado a cabo na nosa comunidade no ano 2011, e tamén as que obtiveron en 2012 a outros investigadores a nivel europeo.
Os niveis de risco de uso problemático detectados son maiores entre os nenos/as cuxos pais/nais non controlan o uso que fan de Internet respecto dos/as que o limitan, cunha porcentaxe maior tanto de casos en risco (21,2% vs. 16,3%) como de uso problemático (4,9% vs. 3,4%).
A realización dunha análise pormenorizada por segmentos sociodemográficos revela unha problemática particular no caso das mozas, con niveis de ciberacoso sensiblemente máis maiores que os mozos (11 vs. 6,9%), así como de uso problemático ou risco de dependencia (4,6% vs. 3,5%). Por cursos, os niveis de ciberacoso son maiores entre os alumnos/as de 3º e 4º (9,9%) que entre os de 1º e 2º (8,8%), do mesmo xeito que de sexting (5,2 vs. 3%), de sextorsión (4,4% vs. 3,5%), quedar con descoñecidos/as (14,4% vs. 7,8%) e de uso problemático (4,4% vs. 3,7%). Todos estes datos sitúan nos 14-15 anos a idade de especial risco no uso de Internet.
Os niveis de risco detectados son tamén algo maiores nos centros privados concertados que nos públicos, con niveis maiores de ciberacoso (9,5% vs. 8,8%) e de risco de dependencia (5,2% vs. 3,6%).
Tamén se atoparon diferenzas en función da contorna, con graos maiores de ciberacoso (9,5% vs. 8,2%) e de risco de dependencia (4,5% vs. 3,8%) no ámbito urbano que no rural.
Fonte: Valedor do Pobo de Galicia