Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo
08/07/2010
O pasado 5 de xullo entrou en vigor a Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, cuxo obxecto é garantir os dereitos fundamentais no ámbito de saúde sexual e reprodutiva, regular as condicións da interrupción voluntaria do embrazo e establecer as correspondentes obrigas dos poderes públicos.
Esta Lei establece que a muller non estará obrigada a dar ningún motivo para levar a cabo a interrupción voluntaria do embarazo (IVE) ata a semana 14 de xestación. E no caso de que así o decida, deberá recibir nun sobre pechado con información relativa a: axudas públicas dispoñibles para mulleres embarazadas e cobertura sanitaria durante embarazo e parto, dereitos laborais vinculados ó embrazo e maternidade, prestacións e axudas públicas para o coidado e atención dos fillos/as ,... e demais información relevante sobre incentivos e axudas ó nacemento e datos sobre os centros onde poida recibir información sobre anticoncepción e asesoramento antes e despois da IVE.
Ata a semana 22 estará permitida a IVE cando exista grave risco para a vida ou a saúde da embrazada ou risco de graves anomalías no feto. Para o que se necesita un ditame médico realizado por dous profesionais distintos ó/á que dirixe o aborto.
Máis aló das 22 semanas a Lei establece que “o mais axeitado será a práctica do parto inducido” para armonizar plenamente o dereito a vida e a integridade física da muller e o interese da vida en formación. No caso de que se detecten “anomalías fetais incompatibles coa vida” ou cando se detecte “ unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do diagnóstico” a IVE poderase realizar se así o confirma un comité médico.
Ademais, as mulleres de 16 e 17 anos que decidan interromper o embarazo terán que acreditar que informaron ós proxenitores ou titores, que deberán acompañalas. Non será necesario, sen embargo, para aquelas menores que poidan alegar que dita comunicación poida supoñer un perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos, tratos ou situación de desarraigo ou desamparo. Isto último terá que ser demostrado cun informe dun psicólogo/, psiquiatra ou traballador/a social.
FONTE: Ministerio de Sanidade e Política Social.