Informe VIH e outras ITS en Galicia
16/06/2023
Dende que se produciron os primeiros casos da SIDA na nosa comunidade autónoma no ano 1984, houbo un salto cualitativo no rexistro da enfermidade que permitiu coñecer mellor a súa forma de transmisión e, en consecuencia, adoptar unhas axustadas medidas para facerlle fronte e diminuílo seu impacto.
Esta nova forma de rexistro pon de manifesto que os patróns de transmisión destas infeccións están cambiando, ó igual que ocorre no resto de España e no mundo occidental. Mentres que os rexistros anteriores dos casos da SIDA amosaban a esta enfermidade vinculada ó emprego compartido do material de inxección de drogas, o rexistro actual de VIH en Galicia amosa que a infección polo virus da inmunodeficiencia humana deriva sobre todo das relacións sexuais sen preservativo.
Case a metade dos novos casos de infección polo VIH presentan un diagnóstico tardío o que motiva a necesidade de promover a proba diagnóstica do VIH entre a poboación, polo que é obvio que os mecanismos de prevención (primaria ou secundaria) desta infección son hoxe en día diferentes, cobrando especial relevancia as campañas de detección anónima do VIH coas técnicas rápidas no fluido oral realizadas por diversas ONG galegas, entre as que se inclúe Renacer.
Con respecto ós resultados que amosa o último informe publicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, destaca que entre os anos 2004 e 2021, rexistráronse en Galicia 3159 casos de persoas infectadas polo virus da inmunodeficiencia humana, o que representa unha incidencia (aparición de casos novos) anual de 6,37 casos por 100.000 habitantes. Destacar que estas cifras están por debaixo da incidencia do conxunto das restantes comunidades autónomas españolas no mesmo período.
FONTE: Dirección Xeral de Saúde Pública.