INCREMENTO DAS ENFERMIDADES DE TRANSMISIÓN SEXUAL
20/09/2022
A Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) alerta sobre o incremento das Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS). Os datos que manexan dende SEMES amosan que existen 357 millóns de casos anuais de clamidia, gonorrea, sífilis, tricomonas; e máis de 1 millón de ETS adquiridas cada día.
A infección gonocócica (gonorrea) foi a que máis aumentou dende o ano 2015; estes datos poñen de manifesto que as infeccións de transmisión sexual son un problema importante de saúde pública tanto pola súa magnitude como polas complicacións derivadas e secuelas se non se fai un diagnóstico e tratamento precoz.
Dentro das novas prácticas sexuais atópase o Chemsex, trátase dun fenómeno crecente, asociado con prácticas de risco que poden facilitar a transmisión do VIH e outras enfermidades de transmisión sexual (ETS), ademais de ocasionar graves problemas de saúde de tipo cardiovascular ou mental.
Chemsex consiste no emprego intencionado de drogas, sobre todo de tipo estimulante e disociativas, para ter relacións sexuais durante longos períodos de tempo (dende horas ata varios días). Cando a administración destas drogas se fai de xeito intravenoso, a nova práctica sexual recibe o nome de "Slamming".
Por outra banda, detectouse nestas novas prácticas sexuais un aumento do consumo das Novas Substancias Psicoactivas (NPS), accesibles de xeito dóado a través de internet e escasamente detectables; substancias que soas ou combinadas con outras teñen consecuencias clínicas pouco coñecidas, pero moi preocupantes dende o punto de vista orgánico.
Os expertos sinalan que existen máis de 30 bacterias, virus ou parásitos que se transmiten por contacto sexual. Ditos patóxenos propáganse por vía sexual, incluídos o sexo vaxinal, oral, anal ou contacto directo con pel ou mucosas. Algunhas ETS, especialmente as ulcerativas, como a sífile ou o herpes xenital elevan o risco de contraer ou transmitir a infección por VIH.
FONTE: EFE Salud.