Imaxínaste unha festa sen beber alcol?

Cartel da campaña

18/05/2011

A nova campaña da FAD pon o acento na aceptación social da bebida.

Protagonista das noites de lecer xuvenís e porta de entrada ao consumo doutras sustancias, o alcol é o protagonista da nova campaña que acaba de presentar a Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD). Non en balde, trátase da sustancia máis consumida en España na poboación entre 15 e 64 anos.

"O que de verdade nos preocupa é que a sociedade teña asimilada a idea dos 13 anos como inicio ao alcol, cando a Lei limita tomar esta sustancia a partir dos 18", comentou o director xeral da FAD, Ignacio Calderón.

O que expón esta campaña é sensibilizar e propiciar a reflexión sobre o consumo de alcol, especialmente entre os mozos/as e adolescentes. "O alcol converteuse no protagonista indiscutible das noites de lecer xuvenís, chegando a producirse o "consumo de atracón", no cal case un 29% de mozos e un 18% de mozas pódense tomar cinco ou seis copas nun período de dúas horas", explica Ignacio Calderón.

Segundo a Enquisa Domiciliaria sobre Alcol e Drogas do Plan Nacional sobre Drogas (2009-2010), a incidencia de consumo de alcol no noso país alcanza o 78,7% da poboación, o que supón un aumento con respecto ás taxas de 2007, especialmente entre a poboación máis nova.

De feito, o 28,4% dos mozos de 15 a 24 anos e o 18% das mozas da mesma idade déronse un atracón de alcol no último mes (en forma de cinco ou máis bebidas en só un par de horas). "Se queremos centrar o noso foco de atención na mocidade, é absolutamente indiscutible que a primeira sustancia que debemos tratar é o alcol", recoñeceu a FAD na presentación da súa nova campaña "Que debemos facer co alcol?".

Para o director xeral da FAD, o "consumo de atracón" é un problema na nosa sociedade producido polo cambio na dieta mediterránea. "Pasamos de beber alcol en familia, que é unha forma de contacto social na dieta mediterránea á dieta nórdica que establece un patrón de consumo excesivo para saír de festa. O chamado consumo de atracón", afirma Calderón.

A pregunta que deixa no aire esta campaña é que "quizá como sociedade non temos nada claro que lugar debe ocupar o alcol. Escandalizámonos cos datos alarmantes sobre bebedeiras adolescentes, pero esquecémonos de que está omnipresente na nosa sociedade, nas nosas relacións, nas nosas festas...". Por iso, os distintos faladoiros que poderán verse nos anuncios televisivos pon o dedo na chaga sobre a normalidade con que se asume o protagonismo desta sustancia en festas e reunións sociais.

Segundo datos da propia FAD, o alcol atópase entre as iconas máis representativas da sociedade española (xunto co deporte, a familia ou o coche) e un 84% de enquisados/as considérao "bastante ou moi representativo" da nosa sociedade. En cambio, só a metade dos entrevistados/as entre 20 e 24 anos considérao "bastante ou moi perigoso".

É tal a omnipresencia das bebidas alcohólicas que tres de cada catro españois tomáronse unha copa no último ano e máis dun de cada tres faio todos os fins de semana (un 13% bebe alcol a diario).

 

FONTE: As Drogas Info