As imaxes de advertencia chegan ós paquetes de tabaco

Pulmón enfermo de cancro

18/05/2010

Dende 2003, os paquetes de tabaco que se venden en España están obrigados a incluír mensaxes de advertencia nun lugar destacado do seu envase. A partir de agora, tamén terán que incorporar unha imaxe que mostre especificamente os riscos ós que se enfrontan os fumadores/as.

O Consello de Ministros aprobou este venres esta medida que xa anunciara hai meses. A iniciativa forma parte dunha modificación do Real Decreto 1079/2008 de 18 de outubro polo que, ademais da etiquetaxe dos produtos do tabaco, regúlanse os contidos máximos de nicotina, alcatrán e monóxido de carbono dos cigarros e as medidas relativas ós ingredientes e as denominacións deste tipo de produtos.

O texto recolle explicitamente a "obrigación de incorporar de forma visible nos paquetes de cigarros advertencias sanitarias en forma de fotografías e ilustracións dos riscos e efectos nocivos que ten na saúde o tabaco", tal e como sinalou Sanidade nun comunicado.

As autoridades sanitarias seleccionaron un total de 14 imaxes a partir dun catálogo proporcionado pola Comisión Europea nas que se mostra que o consumo de tabaco provoca cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares ou graves problemas dentais.

Tamén se incluirán imaxes que lembren que deixar de fumar reduce o risco de padecer enfermidades coronarias, ademais de mensaxes de axuda para deixar de fumar ou de protección da infancia fronte ó tabaco.

Ademais, as imaxes irán acompañadas de textos de advertencia, como que fumar "acurta a vida", "obstrúe as arterias e provoca cardiopatías e accidentes cardiovasculares", "provoca cancro mortal de pulmón", "pode ser causa dunha morte lenta e dolorosa" ou que "o fume contén benceno, nitrosaminas, formaldehído e cianuro de hidróxeno". En calquera caso, as fotos e as novas mensaxes "non substituirán ás advertencias xerais, que seguirán figurando na etiquetaxe, como "Fumar mata" e "Fumar prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ao seu ao redor"".

En previsión dos custos que esta modificación xerará na industria tabaqueira, o real decreto estableceu unha prórroga de doce meses no caso dos paquetes de cigarros. Para outros produtos tabáquicos que, sen adecuarse aos cambios introducidos, si se axustan á actual normativa vixente, a prórroga será de 24 meses.

Segundo Sanidade, "a experiencia previa nos países que introduciron nos envases de tabaco este tipo de advertencias demostrou unha maior eficacia para informar os seus riscos e favorecer a redución do seu consumo ou o seu abandono definitivo".

Ademais, se a reforma da lei do tabaco, segue adiante prohibirase fumar en calquera espazo público cerrado. Sanidade prevé aprobala no mes de xullo e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2011.

 

FONTE: LAS DROGASINFO.COM