Identifican un neurotransmisor que regula a adicción á cocaína

Tomografía cerebral

07/08/2015

Científicos/as franceses e canadenses identificaron un neurotransmisor que contribúe a regular a liberación de dopamina no cerebro de ratos que consomen cocaína, de forma que ao bloquealo os roedores vólvense adictos a esa sustancia con maior facilidade. Senten antes os efectos estimulantes da droga, desenvolven máis facilmente unha adicción e son máis susceptibles dunha recaída tras un período de abstinencia, explicou hoxe nun comunicado o Centro Nacional Francés de Investigacións Científicas (CNFIC).

O axente sinalado por investigadores/as do Instituto de Bioloxía de París-Seine e do Instituto Universitario de Saúde Mental Douglas da Universidade McGill de Montreal é o glutamato, que actúa sobre o sistema de recompensa do cerebro. Durante o consumo de droga, a cantidade de dopamina aumenta nas estruturas do cerebro, formando o circuíto de recompensa. A intensidade e a rapidez da descarga de dopamina son a base do proceso que conduce ao desenvolvemento da adicción, resume o CNFIC.

Sabíase que nese proceso interveñen as neuronas colinérxicas do núcleo accumbens do cerebro, as encargadas de regular a subministración de dopamina, a través da acetilcolina, encargada de liberar esa sustancia. Ao contrario do que pensaban até agora os científicos/as, non é só a acetilcolina a que regula a liberación de dopamina, senón o equilibrio entre esta e o glutamato. As neuronas colinérxicas sérvense do glutamato para inhibir a secreción de dopamina, segundo o estudo publicado na revista especializada Molecular Psychiatry. Os experimentos con ratos mostran que se se bloquea un xene esencial para a comunicación entre as neuronas e o glutamato (chamado VGLUT3), os animais vólvense máis vulnerables á cocaína, agregan os científicos, que atoparon indicios de que ese axente podería actuar dunha maneira similar nos humanos.

Investigaron en pacientes politoxicómano/as as  mutacións dese xene que volve adictos aos ratos e descubriron que existe unha mutación que está dez veces máis presente nos toxicómanos/as que en individuos sen síntomas psiquiátricos, agregou o CNFIC. Os seus achados parecen explicar unha maior vulnerabilidade á adicción dos pacientes politoxicómanos/as e en calquera caso confirman que o glutamato desempeña un papel no mecanismo da adicción.

Fonte: As Drogas Info