Guía de pais e nais “Crecendo con eles e elas”

Cartel informativo do acto

16/10/2015

Con motivo da celebración do noso 25 aniversario ao longo de todo o ano vimos desenvolvendo actividades para celebrar dita efeméride e entre elas elaboramos, en colaboración co Concello de Riveira, unha guía de pais e nais baixo título “Crecendo con eles e elas”.

Con esta guía pretendemos recompilar os temas que ó longo destes últimos anos vimos traballando nas Escolas de Pais e Nais e nos diferentes obradoiros realizados cos proxenitores/as, polo que, se recollen unha serie de orientacións que proporcionan ós pais/nais un recurso de información, consulta e, ao mesmo tempo de reflexión sobre a “tarefa de ser pai/nai”.

Os apartados dos que consta son: os cambios no desenvolvemento evolutivo, o papel socializador da familia, os estilos educativos, pautas educativas básicas, normas e limites, a comunicación, a autoestima, resolución de conflitos, promoción da saúde e educación afectivo sexual.

As orientacións que ofrece son xerais, dado que cada familia é diferente, e a maneira de relacionarse cos fillos/as é sempre especial. Son, polo tanto, propostas xerais para a adaptar á relación específica que cada pai/nai mantén cos seus fillos/as.

A guía é de distribución gratuíta e está dirixida ás familias e a todas aquelas persoas que desenvolven funcións educativas.

A presentación terá lugar o vindeiro xoves 22 de novembro, ás 19:00 horas no Centro Cultural Manuel Lustres Rivas.

 

Non se nos ensina a ser pais/nais, cada quen aprende sobre a marcha, algúns repiten modelos dos seus propios pais, outros/as, consciente e deliberadamente rompen patróns e condutas das súas familias de orixe, e uns máis, aprenden a base de ensaio e erro.

Todos, nalgún momento cometeremos erros sen afán de magoar ou danar, é doloroso recoñecelo e aceptalo, pero é o primeiro paso para xerar cambios. Nunca é tarde emprender cambios e planificar conxuntamente un futuro para a vida familiar.