Guía clínica para a abordaxe de mulleres afectadas por VIH

Muller sentada

11/09/2013

Até o ano 1993 as mulleres con VIH estaban excluídas dos ensaios clínicos dos fármacos en desenvolvemento para tratar a infección. Os datos de toxicidade, eficacia e seguridade que se obtiñan dos homes entre os que se probaba o medicamento se extrapolaban directamente ás mulleres. Vinte anos despois, as cousas cambiaron.

Existe o convencemento de que homes e mulleres afectados polo virus necesitan coidados diferenciados (aínda que poida ser, en ocasións, cuestión de matices) pola súa distinta resposta ante o VIH. Agora os/as profesionais sanitarios/as contan cun documento destinado a permitir unha abordaxe diferenciada das mulleres infectadas por VIH. Os/as seus autores/as son o Grupo de Estudos de SIDA da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbiología Clínica e a Secretaría do Plan Nacional sobre a SIDA, entidade ligada ao Ministerio de Sanidade. De acordo cos seus impulsores, é o primeiro consenso científico deste tipo publicado en Europa.

Nel, abórdanse as diferenzas entre a detección e o tratamento do VIH en homes e mulleres. E para iso, os autores mergullaron entre as principais bases de datos médicas para confirmar o que xa se sospeitaba: a gran maioría de estudos clínicos para avaliar fármacos antirretrovirais fixéronse en homes e non en mulleres. "Até 1993 directamente non participaban mulleres", afirma Concha Amador (responsable da unidade de enfermidades infecciosas do hospital Mariña Baixa da Vila Joiosa -Alacante). Na actualidade, só o fan entre o 12% e o 23% dos casos.

Por iso, é lóxico que non haxa recomendacións terapéuticas específicas para mulleres nas guías de práctica clínica, algo que en parte liquida este documento. Por exemplo, por primeira vez recolle como a administración dun coñecido antirretroviral, a nevirapina, ha de empezar cunha cantidade distinta de CD4 en homes que en mulleres. "Non é algo novo, pero pómolo por escrito", apunta a especialista en infecciosas do hospital alacantino.

As neoplasias é outro dos temas que afecta de forma distinta a homes e mulleres seropositivos. "Nas mulleres o máis frecuente é o cancro de pescozo de útero", comenta a coordinadora. E de aí a recomendación do documento. O cancro pasou de ser algo infrecuente nestes pacientes a afectar a entre un 25% e un 40% dos mesmos. Para evitar o máis frecuente en mulleres, suxírese vacinar fronte ao virus do papiloma humano e aumentar as citoloxías cervicais tras o diagnóstico da infección, dunha anual a dúas.

Outras diferenzas que apunta a bibliografía consultada refírense á situación no momento do diagnóstico. "Parece que a carga viral é máis baixa en mulleres que en homes cando se diagnostica e, con todo, a supervivencia cando xa se evoluciona a SIDA é peor neste xénero", comenta Amador.

Outra cuestión crave ten que ver coas mulleres embarazadas con VIH. Non tanto nos países con sistemas sanitarios desenvolvidos como España coas terapias destinadas a evitar a transmisión do virus da nai ao fillo/a. Bloquear o contaxio, sempre que a saúde da nai estea controlada polo persoal sanitario, non adoita supor maior dificultade, segundo os/as especialistas consultados/as. A maior preocupación consiste en poder administrar pautas farmacolóxicas o menos agresivas para evitar ao máximo eventuais efectos secundarios no feto, como destaca Concha Amador.

O consenso tamén aborda un aspecto máis social, como é a reacción das mulleres ante un diagnóstico deste tipo. Segundo explica a experta, aínda que nos dous sexos é frecuente que cambie o desexo sexual, a abstinencia é quizais máis habitual en mulleres que en homes recentemente declarados seropositivos.Tamén hai unha maior incidencia de síntomas depresivos nas mulleres que nos homes, polo que se recomenda prestar especial atención a este aspecto.

Fai dúas décadas a Axencia do Medicamento de Estados Unidos obrigou á inclusión de mulleres en ensaios de fármacos para o VIH, pero o documento de consenso insiste en que as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nestes estudos. Houbo algúns avances como por exemplo, o deseño dalgúns estudos só con poboación feminina. De momento, a presenza da poboación feminina nos ensaios segue sendo modesta. Oscila entre o 10% e o 37%, a pesar de que segundo os datos do programa das Nacións Unidas para a SIDA, en todo o mundo o 49% das infeccións corresponde a mulleres. Datos que poñen de manifesto a necesidade de monitorizar os antirretrovirais para manexar os efectos adversos e comprobar se existe algún réxime terapéutico máis adecuado para mulleres.

Fonte: El País/El Mundo Salud