Foro profesional: Os retos da prevención de drogodependencias no século XXI

Cartel informativo

29/04/2014

A Fundación Galega contra o Narcotráfico, o Servizo Municipal do Concello de Riveira e a Asociación Renacer organizaron no Pazo de Baión, en Vilanova de Arousa, un Foro de Debate Profesional baixo o título "Os Retos da Prevención de Drogodependencias no século XXI"

O obxectivo principal desta xornada foi recoller suxestións e achegas que permitan mellorar a prevención de drogodependencias na nosa sociedade, propostas baseadas no coñecemento e a experiencia dos/as profesionais convocados/as, que traballan en contacto directo co problema das drogodependencias en Galicia.

Con este propósito, reuniuse a un cualificado grupo de profesionais e expertos/as pertencentes a entidades sociais, unidades de atención de drogodependencias, plans locais de prevención, representantes do ámbito académico e administracións públicas.

O reto para a organización era lograr que as recomendacións realizadas polos expertos/as se convertan en realidade, servindo de referencia para profesionais e administracións con competencias na materia. Con esta idea convidouse a participar neste foro a quen ten a facultade de gobernar (Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e Delegación do Goberno para o PNSD) e lexislar (Comisión Mixta Congreso-Senado para o Estudo do Problema da Droga).

A temática central do foro virou ao redor de tres temas de alto interese, sen esquecer outras suxestións que libremente realizaron os relatores invitados. Todas elas recóllense nun documento que se distribuíu entre a rede galega de profesionais de drogodependencias e as administracións implicadas nesta materia. O citado documento organizase do seguinte xeito:

- Un primeiro epígrafe que contén algunhas consideracións previas de referidas ao marco xeral no que debe desenvolverse a prevención, aludindo a unha serie de principios básicos necesarios para construír con éxito unha estratexia de prevención en drogodependencias.

- Un segundo nivel, presentando Suxestións de mellora para a prevención do século XXI, onde se expoñen propostas moi concretas para mellorar a eficacia da prevención de drogodependencias en distintos ámbitos de actuación.

- Un terceiro grupo de suxestións e reflexións, centrado en a análise de dúas de os problemas de maior relevancia no ámbito da prevención, como son o consumo de alcol e de cannabis.