Falando de crise

Recortes nas axudas ás Organizacións Non Gobernamentais

13/01/2012

Desde a Asociación Antidroga Renacer de Riveira, mostrámonos totalmente de acordo coas manifestacións de Luciano Poyato, presidente da a Unión de Asociacións e Entidades de Atención ao Drogodependente (UNAD), quen recentemente denunciaba publicamente a situación na que nos atopamos as 255 asociacións sen ánimo de lucro que temos a función social de traballar no ámbito da prevención.

A nivel social estamos a vivir momentos difíciles nos que se está producindo un deterioro importante da rede de prevención e asistencia que este país tiña no ámbito dos consumos problemáticos de drogas. Nos últimos meses en España ao redor de 35.000 persoas deixaron xa de ser atendidas en diferentes programas, perdéronse 200 postos de traballo e pecháronse máis de 60 programas.

Ao longo destes anos o traballo que as organizacións sociais levamos a cabo, coa colaboración das administracións públicas, permitiunos ir construíndo unha rede pública extensa e variada para estender a prevención a todos os colectivos e dar unha axeitada resposta terapéutica á cidadanía.

Críamos que se trataba dunha rede consolidada, pero a crise económica está a ser a escusa empregada polas administracións públicas e os gobernos, para priorizar aspectos económicos sobre os de saúde ou os terapéuticos, e así estamos a asistir a un progresivo peche de centros e programas que están a deixar sen asistencia a moitas persoas, e isto é só o comezo.

Defender as organizacións sen ánimo de lucro, os programas e os recursos de prevención, é defender a saúde da cidadanía e debería ser considerado unha prioridade.

A rede asistencial e os programas de prevención non deberían ser nunca considerados un gasto, senón un investimento, salvar vidas non debería por tanto ser considerado un tema de contía económica. Entendemos que a actual crise, que non provocamos nin a ONG nin as persoas con problemas de drogas, obriga a realizar axustes económicos e a mellorar a eficiencia, pero sabemos que o reparto de partidas orzamentarias non é un asunto económico senón político, no que son os/as gobernantes os que deciden en que se realizan os recortes. Nós temos claras cales son as prioridades e eles, ¿téñeno tamén?.

Nos tempos que corren non deberíamos aceptar feitos como que o diñeiro a disposición das entidades financeiras sexa ilimitado, e por contra recórtense as partidas de sanidade ou de incorporación social. Non deberíamos aceptar como algo natural que as persoas perdan dereitos sociais mentres as grandes empresas gañan miles de millóns de euros.

Pola contra deberiamos loitar por defender o que temos, por salvar os programas de prevención que están en marcha e por manter a asistencia aos que a precisen e para iso necesitamos manter os nosos recursos, e iso só podemos conseguilo coa forza e a unión de todos e todas.