Europa, á cabeza do consumo de alcol

Persoa con varias copas de viño nas mans

28/03/2012

Os europeos/as consomen máis alcol que os cidadáns de ningunha outra parte do mundo. En concreto, o equivalente a 12 litros e medio de alcol puro por adulto ao ano ou tres bebidas ao día. Así o reflicte un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) copatrocinado pola Comisión Europea, que revela que Europa ten a "dubidosa honra" de duplicar en 15 anos o consumo medio de alcol no mundo.

"A dubidosa honra europea de duplicar a media global de consumo de alcol está claro, con coñecidas consecuencias sanitarias para os bebedores/as, as persoas que lles rodean e a sociedade en xeral", sinala a directora rexional para Europa da OMS, Zsuzsanna Jakab, para quen a mensaxe deste informe é que "a carga de enfermidade relacionada co alcol en Europa é evitable".

Segundo este documento, as variacións sociais, culturais, xeográficas e económicas entre os diferentes países da UE levaron a distinguir catro grupos: este e centro-este de Europa, centro-oeste e oeste de Europa, os países nórdicos e o sur de Europa, con diferentes consumos, patróns e tendencias.

Esta diferenza revela que o maior consumo de alcol realízase no leste e centro-este de Europa, con 14 litros e medio de alcol puro por adulto ao ano, en comparación cos case 12 litros e medio do centro-oeste e oeste de Europa; os 11,2 litros do sur de Europa e os case 10 litros e medio dos nórdicos.

Cando se teñen en conta os indicadores de consumo perigoso de alcol -a proporción de bebida que se toma fóra das comidas, en lugares públicos ou o consumo por atracóns ("binge drinking")- o leste e centro-este de Europa alcanza a maior puntuación, 2,9 nunha escala que vai desde o 1 como o rexistro de menor dano até o 5 como a puntuación que sinala o consumo máis daniño. Séguenlle países nórdicos (2,8); o centro-oeste e oeste europeo (1,5) e sur de Europa (1,1).

O leste e os países nórdicos aumentan o seu consumo

Aínda que o consumo europeo do alcol per cápita mantívose case constante durante a pasada década, a nivel subrexional os países nórdicos e o leste de Europa expereimentaron un incremento do consumo de alcol entre os adultos, mentres que baixou no oeste e o sur do continente.

Segundo este informe, as taxas de mortalidade asociadas ao alcol foron de 57 por cada 100.000 para os homes e de 15 por cada 100.000 para mulleres en 2004. Tamén as taxas subrexionais de mortalidade varían amplamente, desde os 129 homes e 27 mulleres por cada 100.000 en centro-este e leste de Europa, até as taxas máis baixas de 30 home e 10 mulleres no sur de Europa.

Ademais destas diferenzas xerais, as tendencias subrexionais específicas inflúen nas causas destas mortes. Así, son máis as mortes en centro-este e leste de Europa causadas por enfermidades cardiovasculares -excepto a enfermidade cardíaca isquémica- e as feridas. Isto está relacionado coa gran cantidade de alcol que se consome nestes países e as irregulares sesións de gran consumo.

Nos países nórdicos son proporcionalmente máis frecuentes os falecementos por desordes neurolóxicos e mentais, debido á alta prevalencia de alcoholismo e desordes relacionadas co consumo deste produto. Pola súa banda, o cancro é, proporcionalmente, máis frecuente no sur de Europa, onde os niveis de consumo era considerablemente máis alto hai dúas décadas e o cancro necesita tempo suficiente para desenvolverse.

Danos a terceiros

Ademais de provocar danos a un mesmo, o consumo de alcol afecta a outras persoas. Segundo unha revisión de datos de 2004, unhas 5.500 mortes de homes de todas as idades na UE e de 2.000 mortes de mulleres poderían atribuírse ao consumo de alcol doutros, sendo as principais causas de falecementos e feridas os accidentes de tráfico, seguidos pola violencia como segunda causa.

Pola súa banda, o sur de Europa mostra a maior proporción de consumidores/as de alcol que prexudican a outros cidadáns, en comparación ao dano total relacionado co alcol que se rexistra nesta subxegión medido por mortes. Con todo, en centro-este e leste de Europa os cálculos revelan a maior proporción de accidentes con vehículos de motor atribuíbles ao consumo de alcol.

Este informe, titulado "Alcol na Unión Europea", apunta unha serie de políticas custo-efectivas de éxito probado para reducir estas taxas, entre elas o aumento dos impostos sobre o alcol, a redución da dispoñibilidade e as restricións na súa venda.

FONTE: AS DROGAS INFO