" Estudo sobre menores e apostas"

Cartel informativo

10/06/2019

Na actualidade é evidente a preocupación social que está a suscitar o xogo e as apostas deportivas entre os/as menores, unha práctica que vai en aumento e que cando xa comeza na adolescencia a probabilidade de que se converta nunha ludopatía na vida adulta multiplícase por catro.

Como primeiro paso para tentar afrontar esta problemática, realizamos neste curso escolar 2018/2019 ,en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un estudo que nos permite coñecer a día de hoxe en que medida o problema do xogo pode estar afectando á nosa mocidade. 

A Asociación Renacer, en colaboración coa Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuarios da Universidade de Santiago de Compostela, levou a cabo un estudo co cal poder abordar unha das preocupacións que máis problemas está suscitando na actualidade: o xogo en menores de idade.

Os resultados de dito estudo axúdannos a coñecer a magnitude desta problmática e orientar o noso labor de prevención.

Os datos para facer o estudo recóllense en oito centros educativos de Ribeira e Porto do Son, contando cunha mostra total de 1.808 estudantes, o 85,6% destes estudantes son menores: dos cales un 51% son rapaces e un 48% rapazas.

Temos que destacar que os resultado obtidos son preocupantes xa que un de cada catro menores recoñece que apostou algunha vez na súa vida e un de cada catro faino de forma habitual, polo menos unha vez ó mes e de xeito presencial.

No caso dos varóns as cifras son considerablemente maiores, un de cada tres rapaces apostou algunha vez, e o 18,7% faino unha vez ó mes e de xeito presencial. Así mesmo, a inmensa maioría dos xóvenes que apostan saben que non é legal a súa idade.

Por outra banda, o estudo amósanos que as máquinas de apostas deportivas en bares e cafeterías constitúen o principal atractivo para os adolescentes, 2 de cada 3 apostan a través desta vía.

Todo isto resulta xa preocupante, e máis tendo en conta que un 2,8% dos menores poderían estar tendo problemas co xogo: o 2,3% serían Usuarios Problemáticos (cunha alta probabilidade de desarrollar un tratorno de xogo nun futuro) e un 0,5 % presentaría xa evidencias claras dunha ludopatía ou xogo patolóxico.