España, líder da Unión Europea en consumo de cocaína e cannabis
15/11/2012
España segue, xunto con Reino Unido e Italia, á cabeza da Unión Europea en consumo de cocaína e cannabis, especialmente entre a mocidade, aínda que o uso desas sustancias tende a estabilizarse, segundo o informe anual do Observatorio Europeo das Drogas que se acaba de publicar.
O estudo alerta dos riscos da proliferación de novas drogas sintéticas estimulantes, como as catinonas (estimulante vexetal parecido ó tabaco, que ten efectos semellantes aos das anfetaminas) , e do aumento do uso da metanfetamina.
Ao redor de tres millóns de mozos/as (de 15 a 34 anos) consumiron cocaína polo menos unha vez durante o último ano (o 2,1%). Tanto España (4,4%) como Reino Unido (4,2%) duplican a media comunitaria, mentres que Italia sitúase en terceira posición (2,9%). Os países con menor consumo son Grecia e Romanía (0,2%).
En todo caso, o informe sinala que o consumo de cocaína tocou teito nos anos 2008-2009 e que nos países con maior prevalencia detéctanse "algúns signos positivos" que "expoñen a posibilidade dunha perda de popularidade desta droga".
"Nas súas enquisas máis recentes, Dinamarca, Irlanda, España, Italia e o Reino Unido observaron unha diminución ou unha estabilización dese consumo", afirma o Observatorio.
Os envíos de cocaína a Europa proceden principalmente de Colombia, Perú e Bolivia e transitan pola maior parte dos países de América do Sur e de América Central, aínda que principalmente por Arxentina, Brasil, Ecuador, México e Venezuela. Nos últimos anos detectáronse rutas alternativas por África Occidental.
"España, Países Baixos, Portugal e Bélxica parecen constituír os principais puntos de entrada da cocaína en Europa", indica o informe, que subliña que en 2010 "España volveu ser o país que notificou tanto o maior número de incautacións de cocaína como a maior cantidade aprehendida en Europa".
Polo que se refire ao cannabis, 16 millóns de mozos/as (o 12,4%) probárono polo menos unha vez durante o último ano. España ocupa a terceira posición (19,4%) por detrás de Italia (20,3%) e de República Checa (20,7%). Con todo, se se teñen en conta só os mozos/as entre 15 e 24 anos, España encabeza a clasificación cunha taxa de prevalencia do 23,9%.
O Observatorio afirma que "en España e en Francia aprécianse tendencias xeralmente estables" no uso do cannabis, mentres que en Italia aumenta e en Reino Unido diminuíu nos últimos anos até situarse na media da Unión Europea.
Novas sustancias psicotrópicas
En 2011, detectouse por primeira vez en Europa un número sen precedentes de novas sustancias psicotrópicas (49). Iso prodúcese no contexto dunha continua expansión do fenómeno dos "euforizantes legais" que se poden comprar a través de Internet.
Dous terzos das novas sustancias eran cannabinoides sintéticos ou catinonas sintéticas. Polo que se refire ao seu nivel de consumo, aínda hai poucos datos, pero o Observatorio refírese á enquisa nacional de 2010 de España, que situou a taxa de prevalencia no 2,5% na mocidade entre 14 e 18 anos.
Fonte: O Mundo Saúde