España é o país de Europa onde se consome máis cocaína por habitante

Cocaína en po

16/03/2011

Segundo un organismo da ONU, o 3,1% da poboación de 15 a 65 anos consome este tipo de droga. Séguenlle Reino Unido e Italia.

España é o país europeo onde máis cocaína se consome por habitante, por diante do Reino Unido e Italia, segundo destacou en Viena a Xunta Internacional de Fiscalización de Estupefacientes (XIFE). No seu informe anual de 2010 afirma, utilizando datos do Observatorio Europeo das Drogas, que a prevalencia anual do consumo de cocaína en España é do 3,1% entre a poboación de 15 a 64 anos.

España supera así ao Reino Unido, onde o uso de cocaína alcanza o 2,4%, e a Italia, co 2,2% da poboación da citada franxa de idade, mentres que a prevalencia media en toda a Unión Europea é do 1,2%, segundo este órgano independente da ONU que vixía o cumprimento de convenios internacionais sobre drogas.

Aínda que a prevalencia do consumo é maior en España, o Reino Unido segue sendo en termos absolutos o país onde máis consumidores de cocaína hai en Europa debido á súa maior poboación, segundo os últimos datos da Oficina da ONU contra a Droga e o Delito.

Segundo a distribución de consumidores/as de cocaína en Europa, ao Reino Unido correspóndelle o 23% dos adictos/as europeos, a España o 21%, a Italia o 19%, a Alemaña o 9% e a Francia o 5%, acorde a un informe de 2010 con datos de 2007 e 2008.

O cannabis, en primeiro lugar

A cocaína é a segunda droga que máis se consome en Europa despois do cannabis, e o seu uso no continente duplicouse ao pasar dos dous millóns de adictos/as en 1998 aos 4,1 millóns en 2008, segundo a XIFE.

"O abuso de cocaína está a propagarse desde Europa occidental a outras partes do continente. Nalgúns países, o seu consumo pode estar a substituír ao de anfetaminas e éxtase; por exemplo, en Dinamarca, España e o Reino Unido, o aumento do consumo de cocaína coincidiu con diminucións no nivel de abuso de anfetaminas", indica o informe.

España é tamén un dos grandes puntos de entrada da cocaína en Europa e é responsable da incautación en aduanas de máis do 50% desa droga que chega ao vello continente. Das 34,9 toneladas incautadas en 2009 en Europa, España interveu case 18 toneladas, aínda que en toda Europa baixou o nivel de comiso desa droga, segundo a Xunta.

Líder en incautacións

España tamén é o principal país mundial en canto a incautación de resina de cannabis. O ano pasado interviñéronse 27 toneladas de resina de cannabis nas aduanas marítimas e nas praias, e o 93 % desas sustancias procede de Marrocos.

Ademais, España é un dos países citados pola XIFE por diminuír o consumo de cannabis, aínda que non ofrece datos detallados sobre esa evolución.

A XIFE eloxia por estas medidas "o firme compromiso de España" cos tratados internacionais contra a droga, pero mostra "a súa preocupación" porque "siga habendo en España "salas de consumo de drogas"", en referencia ás salas de venopunción.

Esa iniciativa está dentro da estratexia de "redución de danos", avalada pola Organización Mundial da Saúde e a Unión Europea, per non é aceptada pola XIFE por considerala contraria aos tratados internacionais contra as drogas.

 

FONTE: AS DROGAS INFO