Escocia aproba o uso de Truvada® como profilaxe preexposición ao VIH

448px-Truvada_pill_flask

21/04/2017

O Consorcio Escocés de Medicamentos (SMC, nas súas siglas en inglés) anunciou recentemente que deu a súa aceptación ao Servizo Nacional de Saúde de Escocia (SNHS) para o uso de Truvada® (tenofovir disoproxil fumarato [TDF]/emtricitabina) como profilaxe preexposición ao VIH (PrEP).

O anuncio foi realizado nun comunicado de prensa feito público en abril de 2017. O SMC afirma que se acepta o uso de Truvada® para axudar a previr a infección por vía sexual do VIH-1 en adultos que estean en situación de risco elevado de adquirir o virus e sinala que a PrEP con tenofovir (TDF)/emtricitabina constitúe un aspecto máis da estratexia preventiva do VIH e debe utilizarse en combinación cunhas prácticas sexuais seguras.

Diversos grupos de activistas apoiaron o uso da PrEP e presionaron para a súa implementación, xa que ofrece unha opción preventiva adicional que podería axudar a controlar a infección. Segundo estes grupos, a necesidade da PrEP queda patente polo feito de que os actuais métodos preventivos non conseguiron reducir a incidencia do VIH en Escocia nestes últimos 10 anos.

O seguinte paso a dar por parte do SMC é contactar coas 14 Xuntas Sanitarias locais de Escocia para implementar unha liña orzamentaria destinada á PrEP que garanta que esta estratexia conte co financiamento necesario. Aínda que non hai unha data límite fixada para iso, non se espera que se demore máis aló de tres meses. En outubro de 2016, a Rede de Escocia para a Protección da Saúde, publicou un documento sobre a PrEP na que se calculaba que en Escocia había uns 1.700-1.900 homes gais, bisexuais e outros homes que practican sexo con homes (HSH) que poderían beneficiarse do uso da PrEP. Se o 58% destas persoas elixibles para recibir a profilaxe tomásena, supoñería que uns 1.000 homes tomarían PrEP o primeiro ano.

O criterio recomendado por este organismo para que unha persoa sexa elixible para a PrEP é: ter unha parella sexual co VIH cunha carga viral detectable; manter relacións sexuais sen preservativo con, polo menos, dúas parellas no último ano; ou recibir un diagnóstico dunha infección de transmisión sexual rectal. Con todo, tamén se recomenda que se considere o uso da PrEP no caso de calquera persoa cuxas circunstancias a sitúen nunha situación de elevado risco de infección polo VIH.

Calcúlase que a maior parte das persoas elixibles para a PrEP serán homes gais e outros HSH ou mulleres transexuais e apenas o 5% pertencerían a outros grupos de poboación. No documento  exclúese de forma específica ás persoas en relacións monógamas cunha parella seropositiva cunha carga viral indetectable, así como ás persoas que teñan insuficiencia renal (que podería verse agravada polo uso de Truvada®) e ás persoas con hepatites B crónica, que poderían necesitar o fármaco (tenofovir) para o tratamento desta infección hepática.

Actualmente, no Reino Unido o custo de Truvada é de 4.268,76 libras anuais por persoa (algo máis de 5.100 Euros ao cambio actual) polo que é probable que o importe total da PrEP ascenda a 4 millóns de libras no primeiro ano, aínda que esta cantidade pode diminuír de forma substancial se se dispuxese dunha versión xenérica do fármaco. Neste sentido, estímase que o custo adicional da PrEP no primeiro ano para 1.000 persoas será de 175.000 libras (case 210.000 Euros ao cambio actual), ou apenas un 4% do custo total da PrEP. O Sistema Nacional de Saúde de Escocia tamén ofrecerá aos homes gais e outros HSH a posibilidade de elixir entre a dosificación diaria ou a dosificación “a demanda”, un detalle que podería contribuír a reducir aínda máis o custo.

Fonte: Grupo de Tratamentos sobre VIH