Enganchados ás pantallas “Dez cuestións para saber se o estamos facendo ben cos nosos fillo/as”
05/03/2015
Irene aínda non cumpriu os 3 anos, pero xa manexa a tableta e o teléfono móbil da súa nai que dá gusto. Sabe entrar na galería de fotos e revisar cada unha das imaxes que ten gardadas, premer co dediño para abrir as aplicacións que máis lle gustan, e incluso entrar en YouTube e entreterse co vídeo da súa serie de debuxos favorita. Aos seus pais failles graza ver a súa desenvoltura con estes dispositivos. Ademais, recoñecen que lles facilita moito as cousas (para que non dea a lata)á hora de botar unha cabezadiña ou cando saen a un bar a tomar algo cos amigos. É pórlle diante a pantalla e quédase enganchada. Outra cousa é cando chega o momento de sacarlla: ponse como unha fera!
O acceso ás tecnoloxías da información e comunicación (as chamada s TIC) prodúcese cada vez a idades máis temperás. E isto é un fenómeno imparable que pode enfocarse como unha oportunidade para educar no uso responsable das novas tecnoloxías. O problema é cando os aparatos son manexados polos nenos sen a supervisión dos adultos ou cando os maiores recorren a eles como modo fácil de desenchufar aos nenos: así non preguntan, non cantan, non falan, non corren, non choran, non saltan no sofá ... non molestan!.
As dez preguntas seguintes poden servir para que pais e nais reflexionemos acerca do manexo responsable de Internet no ámbito familiar.
- Enchufas ao teu fillo diante da pantalla sempre que podes?
É cómodo ... pero non compensa. O seu desenvolvemento cerebral verase prexudicado. O tempo que dedica ás pantallas réstallo á súa interacción co medio, absolutamente necesaria para desenvolver o seu físico, a súa inteli- xencia e a súa estabilidade emocional.
- Porías un microondas no cuarto do neno?
Non tería moito sentido, verdade? Da mesma forma, o computador nunca debería estar situado no dormitorio do menor. Favorece o illamento, a falta de comunicación e o acceso ás agachadas a páxinas inadecuadas. É preferible que estea instalado nun cuarto de uso común onde poida haber un mínimo de supervisión.
- A túa casa é un ha cidade sen lei?
Entón é un caos. Empeza por pór as regras do xogo, tamén para usar as pantallas. Do mesmo xeito que o neno ten unha hora para chegar a casa ou autorización para ir a determinados lugares, con Internet hai que fixar unhas normas ben claras: horario, tipo de contidos, realización previa de tarefas escolares ... E en caso de incumprimento destas normas debe haber unhas consecuencias.
- Que é peor, que rompa o . computador ou que rompa o neno?
Un virus pode arruinarche a computadora, pero o acceso do teu fillo a determinados contidos inapropiados pode danar o seu cerebro. Do mesmo xeito que é importante utilizar antivirus no computador para protexelo de ataques informáticos, é necesario instalar filtros capaces de bloquear determinados contidos (sexuais, violentos, xenófobos ... ).
- Déixaslle andar só por calquera barrio da cidade?
Para ensinar a un neno que non se cruza a rúa co semáforo en vermello hai que esperar con paciencia a que se poña en verde. Da mesma forma, para que aprenda o que se pode facer e o que non en Internet hai que sentarse con el e orientarlle canto antes. Non esperes a que cumpra os 15, porque seguro que a esa idade xa non se deixará asesorar ...
- Deixariaslle que dese as chaves de casa a un descoñecido?
Seguro que non. Tampouco lle deixes facelo en Internet. É importante ensinar aos fillos en que consiste a privacidade. Explicarlles que os datos persoais que facilite (nome, dirección, colexio, fotos ... ) poden ser utilizados na súa contra. E que en Internet non todo o mundo é o que parece.
- É o mesmo un solombo que unha hamburguesa?
Non, do mesmo xeito que non todas as webs teñen a mesma credibilidade nin a mesma calidade. Hai que ensinarlles a valorar a cantidade de publicidade, o tipo de información que ofrecen, a súa fiabilidade, nivel de seguridade e valores que transmite.
- Seica o teu fillo non ten unha hora de chegada a casa?
Tamén hai que pór un límite ao tempo de conexión. Como en calquera outra actividade, o exceso de horas de dedicación tradúcese nun menor espazo para o desenvolvemento de destrezas sociais, para cumprir coas obrigacións escolares ou para descansar.
- coñeces aos seus amigos?
Do mesmo xeito que na vida real, na virtual é importante coñecer aos ciberamigos do neno: quen son, as súas afeccións. Non é ningunha intromisión converterte ti tamén en ciberamigo seu ou de cando en vez manter algunha conversación en liña.
- Quen é aquí o responsable?
Os pais son os responsables da información á que accede o menor desde o computador e do uso que. lle dá. Exactamente igual que na vida real, na virtual hai cousas que están ben e cousas que están mal,insultar, roubar, falar con descoñecidos Hai que ensinarlles a que respecten as normas da Rede e a que se queden só coas súas vantaxes, que son moitas!
FONTE: A voz de Galicia