Diminúe o consumo de todas as drogas na poboación entre 14 e 18 anos
15/02/2016
O consumo de drogas na poboación escolar de entre 14 e 18 anos diminuíu no noso país nos últimos dous anos. Esta redución obsérvase en todas as sustancias psicoactivas analizadas, até un total de 18, aínda que se dá de forma máis acusada nos consumos intensivos de alcol (bebedeiras e consumo en atracón). Tamén diminúe a dispoñibilidade percibida para todas as drogas, excepto para o alcol.
Os datos recólleos a Enquisa sobre Uso de Drogas en Estudantes de Ensinos Secundarios (ESTUDES) 2014-2015, que se deu a coñecer dende o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Dende o Ministerio sinalaron: “A redución do consumo de drogas é unha boa noticia que demostra que se toda a sociedade camiña no mesmo sentido, podemos obter bos resultados”. A pesar diso, tamén insistiron na necesidade de non baixar a garda e seguir traballando na mesma liña, posto”case 8 de cada 10 escolares recoñece beber algunha vez e persiste a baixa percepción de risco sobre o consumo de cannabis”.
Principais resultados
A enquisa inclúe unha mostra de 37.486 estudantes de entre 14 a 18 anos, de 941 centros educativos públicos e privados e 1.858 aulas. A delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas realiza cada dous anos este estudo desde 1994, que revela as tendencias do consumo de alcol e outras drogas entre os escolares españois. Nesta edición, a enquisa inclúe a análise de 18 sustancias psicoactivas.
Os principais resultados deste estudo son os seguintes:
- Descende o consumo de todas as drogas.
- O alcol e o tabaco, seguidos do cannabis seguen sendo as drogas máis consumidas polos estudantes españois. Séguenlle, por esta orde, hipnosedantes (con e sen receita), cocaína, éxtase, alucinóxenos, anfetaminas, inhalables volátiles e heroína, que se sitúa en último lugar.
- Os homes consomen drogas ilegais en maior proporción que as mulleres. Entre a poboación feminina está máis estendido o uso de drogas legais, como o alcol, o tabaco ou os hipnosedantes.
- Rompe a tendencia crecente no consumo de hipnosedantes por parte das mulleres.
- Desde 2010 diminúe a dispoñibilidade percibida para todas as drogas, excepto para o alcohol.
- Os/as estudantes de entre 14 e 18 anos perciben o alcol como a sustancia menos perigosa e consideran que o tabaco é máis perigoso que o cannabis. Percepción que se mantén desde o ano 2010. No caso dos consumos habituais, as mulleres teñen maior percepción de risco que os homes.
- Educación nas escolas, tratamento voluntario aos consumidores/as, control policial e aduaneiro e campañas de publicidade son as medidas que os/as escolares consideran como máis eficaces para loitar contra as drogas.
- Os/as profesionais sanitarios, os profesores/as e a familia son por esta orde os grupos preferidos polos/as escolares para recibir información sobre drogas. 1 de cada 3 sente perfectamente informado/a sobre estas sustancias, os seus efectos e riscos. 1 de cada 5 sente informado “a medias” e só o 5,95 considera que está mal informado.
Fonte: Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade