Día Mundial Sen Tabaco 2018

Cartel informativo

30/05/2018

O 31 de maio de cada ano, a OMS e os seus asociados celebran o Día Mundial Sen Tabaco co fin de poñer de relevo os riscos asociados co tabaquismo, tanto para a saúde como noutros ámbitos, e avogar por políticas eficaces para reducir o seu consumo. O lema do Día Mundial Sen Tabaco 2018 é: «Tabaco e cardiopatías».

A campaña busca chamar a atención sobre:

• a relación entre o tabaco e as cardiopatías e outras enfermidades cardiovasculares, entre elas o accidente cerebrovascular, que, conxuntamente, son as principais causas de morte no mundo;

• posibles medidas e accións que destinatarios importantes, entre eles os gobernos e o público en xeral, poden adoptar para reducir os riscos para a saúde causados polo consumo de tabaco.

O Día Mundial Sen Tabaco 2018 coincide cunha serie de iniciativas e oportunidades mundiais para reducir a epidemia de tabaquismo e as súas repercusións na saúde pública, que son, principalmente, un gran número de mortes e moito sufrimento de millóns de persoas en todo o mundo. Entre estas medidas cóntanse as iniciativas Global Hearts e RESOLVE apoiadas pola OMS, cuxos obxectivos son reducir a mortalidade por enfermidades cardiovasculares e mellorar a atención ás mesmas, así como a Terceira Reunión de Alto Nivel da Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre a Prevención e o Control das Enfermidades Non Transmisibles, que se celebrará en 2018.

Os perigos do consumo de tabaco para a saúde cardíaca das persoas en todo o mundo

Este ano, o Día Mundial Sen Tabaco céntrase nas repercusións do consumo de tabaco na saúde cardiovascular das persoas en todo o mundo.

O consumo de tabaco é un factor de risco importante de cardiopatía coronaria, accidente cerebrovascular e vasculopatía periférica.

A pesar de que se coñecen ben os danos para a saúde cardíaca que provoca o tabaco e da dispoñibilidade de solucións para reducir a morbimortalidade que ocasiona, amplos sectores da poboación descoñecen que é unha das principais causas das enfermidades cardiovasculares.

Datos sobre o tabaco e sobre as cardiopatías e outras enfermidades cardiovasculares

As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en todo o mundo, e o consumo de tabaco e a exposición ao fume de tabaco alleo contribúen a preto do 12% das defuncións por cardiopatías. O consumo de tabaco é a segunda causa de enfermidades cardiovasculares, despois da hipertensión arterial.

A epidemia mundial de tabaco causa cada ano máis de 7 millóns de defuncións, 900 000 das cales corresponden a persoas non fumadoras que respiran fume de tabaco alleo. Preto do 80% dos máis de 1000 millóns de fumadores que hai no mundo viven en países de ingresos medianos e baixos, que son os que soportan a maior carga de enfermidade relacionada con este produto.

Obxectivos da campaña do Día Mundial Sen Tabaco 2018

Este ano, as metas son as seguintes:

• poñer de relevo a relación entre o consumo de produtos de tabaco e as cardiopatías e outras enfermidades cardiovasculares;

• aumentar a concienciación da poboación en xeral sobre as consecuencias para a saúde cardiovascular do consumo de tabaco e a exposición ao fume de tabaco alleo;

• proporcionar ao público en xeral, os gobernos e outros destinatarios a posibilidade de comprometerse a promover a saúde cardíaca protexendo ás persoas do consumo de produtos de tabaco; e

• animar aos países para reforzar a aplicación das medidas MPOWER de loita contra o tabaco que figuran no CMCT da OMS, cuxa eficacia está demostrada.

Fonte: Organización Mundial da Saúde