Día Mundial Sen Tabaco 2016: Prepárate para o empaquetado neutro

Cartel informativo

25/05/2016

O 31 de maio de cada ano a OMS e os seus asociados celebran o Día Mundial Sen Tabaco para facer fincapé nos riscos sanitarios asociados ao consumo de tabaco e avogar por políticas eficaces que contribúan a reducir o devandito consumo.

Con ocasión do Día Mundial Sen Tabaco 2016, a OMS fai un chamamento a todos os países para que se preparen para o empaquetado neutro dos produtos de tabaco.

O empaquetado neutro é unha importante medida de redución da demanda que diminúe o atractivo dos produtos de tabaco, restrinxe o uso dos paquetes de tabaco como soportes para publicitar e promover o tabaco, limita o empaquetado e etiquetaxe enganosos e aumenta a eficacia das advertencias sanitarias.

O que se pretende co empaquetado neutro dos produtos de tabaco é restrinxir ou prohibir o uso de logotipos, cores, imaxes de marca ou información promocional sobre o envase, excepto os nomes da marca e do produto, que se han de presentar nunha cor e tipo de fonte estándar.

Nas directrices relativas aos artigos 11 e 13 do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT da OMS) recoméndase que as Partes consideren a adopción do empaquetado neutro. O empaquetado neutro apóiase noutras medidas que forman parte dun enfoque multisectorial integral do control do tabaco. Os encargado/as da formulación de políticas, a sociedade civil e a poboación en xeral poden tomar medidas para que os seus gobernos consideren a adopción do empaquetado neutro.

Datos sobre o empaquetado neutro

O interese polo empaquetado neutro vai en aumento en todo o mundo:

- En decembro de 2012, Australia converteuse no primeiro país que aplicou plenamente o empaquetado neutro.

- En 2015, Irlanda, o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte e Francia aprobaron leis para dar efecto ao empaquetado neutro a partir de maio de 2016.

- Varios países atópanse nunha etapa avanzada con respecto á consideración da adopción de leis sobre o empaquetado neutro.

Obxectivos da campaña do Día Mundial Sen Tabaco 2016

O Día Mundial Sen Tabaco 2016 ten como obxectivo:

- Subliñar o papel do empaquetado neutro como parte dun enfoque integral e multisectorial do control do tabaco.

- Facilitar a formulación de políticas polos Estados Membros e a implantación mundial do empaquetado neutro proporcionando información significativa, convincente e persuasiva.

- Alentar aos Estados Membros a reforzar as medidas e restricións relativas ao empaquetado e a etiquetaxe, en particular con respecto á publicidade, a promoción e o patrocinio, a medida que avanzan cara á adopción do empaquetado neutro de maneira gradual.

- Apoiar aos Estados Membros e a sociedade civil nos seus esforzos contra a inxerencia da industria tabacaleira nos procesos políticos conducentes á adopción de leis sobre o empaquetado neutro.

Fonte: OMS