Día Mundial Sen Tabaco 2015
28/05/2015
Cada ano, o 31 de maio, a OMS e asociados de todo o mundo celebran o Día Mundial Sen Tabaco, adicado a resaltar os riscos que ten para a saúde o consumo de tabaco e promover políticas eficaces para reducilo seu consumo.
A Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) advirte que o tabaco é a principal causa de máis dunha decena de tumores e que o seu efecto carcinóxeno asóciase entre o 16 e o 40% do cancro en xeral.
Por todo iso sostén que o consumo de tabaco, é un factor determinante de diferentes patoloxías e primeira causa coñecida de mortalidade e morbilidade evitable, sendo o principal problema de saúde pública nos países desenvolvidos.
Dende a Asociación Renacer temos previsto levar a cabo unha serie de actividades de sensibilización e información co alumnado dos centros de ensino e coa poboación en xeral.
Para este fin deseñouse unha campaña de sensibilización con material informativo que será distribuído en todos os centros de ensino do noso concello.
Previamente a estas actividades nos centros de secundaria estivéronse desenvolvendo obradoiros cos rapaces/as para conciencialos/as da risco que conleva o tabaco para a saúde dos fumadores/as e das persoas expostas ó fume dos cigarros.
Ademais, mañá venres 29 de maio instalarase na rúa peonil unha mesa informativa, en horario de 11 a 13 horas con diverso material de sensibilización e informativo , ofertando alternativas e recursos para deixar de fumar.
Na mesma, ademais da labor informativa proporcionarase asesoramento sobre recursos existentes para deixar de fumar e as persoas fumadoras que o desexen poderán facerse unha cooximetría, realizada por persoal sanitario, de cara a coñecer a cantidade de monóxido de carbono no aire que expiran e, polo tanto o risco de desenvolver unha enfermidade cardiovascular.